MásMóvil podería ter acordado acorda a compra de Pepephone por 150 millóns de euros

xoves, 28 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras un período de emerxencia de numerosos operadores de telecomunicacións en España, o estado da competencia forzou á concentración, proceso no que estamos inmersos e que segundo publica ElEconomista, afectaría agora ao OMV con mellor sona, Pepephone, que segundo a publicación económica tería pechado un acordo de compra por parte de MásMóvil nunha operación valorada en máis de 150 millóns de euros.
Con esta adquisición MásMóvil faríase cunha carteira de máis de medio millón de clientes de Pepephone, facilitándolle así o avance no sector español, para converterse nun dos operadores máis relevantes, traxectoria que levaralle agora a procurar a compra de Yoigo (compañía pola que ofrecería uns 450 millóns de euros), de xeito que en poucos meses MásMóvil podería ocupar o cuarto posto entre os operadores españois, cumprindo así o seu ambicioso itinerario.
Lembremos que MásMóvil conseguiu a autorización da Comisión Europea para mercar parte da rede fixa de Orange-Jazztel (ante a fusión de ambos operadores) polo que conta con acceso mediante fibra óptica a 720.000 fogares e de ADSL até máis de 18 millóns, conseguindo así unha posición de mercado moi boa de cara a ofrecer servizos de telecomunicacións converxentes.
ACTUALIZACIÓN: MásMóvil confirma a compra de Pepephone. Ao parecer manterán a marca e as tarifas e incrementarán os servizos para, por exemplo, ofrecer conexións domésticas de fibra óptica aos actuais clientes de Pepephone.

PUBLICIDADE