Media Markt lánzase a organizar obradoiros tecnolóxicos de balde

martes, 7 de xullo do 2015 Redacción

Media Markt, cadea de equipamento electrónico e informático con presenza na nosa terra (Vigo, A Coruña, Ferrol e Lugo), informa que a partir de hoxe achega obradoiros formativos sobre produtos tecnolóxicos para clientes na tenda Media Markt Siero. Esta iniciativa responde, en palabras da cadea xermana, ao seu interese por “adaptarse ás necesidades e preferencias do usuario co obxectivo de ofrecer un servizo excelente”. Os talleres, de balde con inscrición previa, realizaranse por agora durante o transcurso do verán, dende o 7 de xullo ao 20 de agosto. Non se descartan máis accións deste tipo e noutros puntos da rede.
Os clientes poderán escoller entre aprendizaxe para o uso de MAC, Windows, iPhone ou Android, ou tamén terá acceso a actividades sobre como tirar partido dunha Smart TV. Igualmente, haberá un curso de iniciación á fotografía. Todos estes obradoiros terán unha duración de 1h 30min e repartiranse en quendas de mañá (12h) e tarde (20h) en grupos de, como máximo, 10 persoas.
Francisco Rodríguez, responsábel de atención ao cliente de Media Markt Siero, comenta que “esta iniciativa creouse para que os nosos clientes poidan sacarlle o máximo partido aos seus dispositivos tecnolóxicos”. Na súa opinión, trátase “dunha gran oportunidade para que resolvan as súas dúbidas e aprendan a utilizar a tecnoloxía de maneira eficiente, espremendo ao máximo todas as súas funcionalidades”.
Para inscribírmonos nalgún dos talleres que ofrece Media Markt, temos que enviar un correo electrónico a mm.siero.eventos@mediamarkt.es indicando o día e horario ao que queiramos asistir co nome, apelidos, correo electrónico e teléfono.

PUBLICIDADE