Medran as vendas de consolas portátiles de Nintendo

venres, 19 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Aínda que parecía que o xogo Pokémon GO favorecía principalmente a Niantic e aos vendedores de baterías externas para o móbil, os datos de vendas no mes de xullo recollidos por NPD nos EE.UU. dan conta dun beneficiario indirecto: as consolas portátiles de Nintendo.
Ao parecer, no mes de xullo disparáronse as vendas de Nintendo 3DS (cun incremento interanual do 80%), o que parecía ir na liña contraria ás tendencias do mercado, e que xustifican polo interese cara á franquía de Pokémon, xa que os xogos Pokémon Omega Ruby e Pokémon Alpha Sapphire, lanzados hai dous anos, incrementaron as vendas un 80% e Pokémon X e Pokémon Y, de hai tres anos, incrementarían as vendas un 200%, confirmando o pulo provocado polo fenómeno de Pokémon GO, o que podería favorecer enormemente aos novos xogos de Pokémon que sairán este ano.
Pero outro xogo moi beneficiado polo incremento de vendas das consolas Nintendo 3DS sería Monster Hunter Generations, o grande lanzamento do mes pasado, que converteríase no xogo máis vendido para calquera plataforma durante o mes pasado.
Outro dato salientable é que a consola Nintendo 2DS superou so 2 millóns de unidades vendidas nos EE.UU., sendo unha consola que tamén contribuíu ao incremento de vendas de consolas, xa que a primeiros de verán baixou o seu prezo até os 79,99 dólares (en España aínda custa 89,99 euros).

A rebaixa nos EE.UU. da Nintendo 2DS tamén influíu no incremento de vendas

PUBLICIDADE