Meerkat estrea a posibilidade de facer streaming de vídeo dende cámaras GoPro

venres, 24 de xullo do 2015 Marcus Fernández

As aplicacións de streaming de vídeo dende o móbil están en pé de guerra, e aínda que o apoio de Twitter fai que Periscope o teña moi doado para trunfar, dende o seu principal competidor, Meerkat, non queren darse por vencidos, e buscan asegurar a súa posición con novas funcionalidades como a que estrearon nas últimas horas: facilitar as retransmisións dende cámaras GoPro.
Inicialmente a aplicación para iOS de Meerkat permite facer retransmisións en vivo dende cámaras GoPro Hero3, e na vindeira actualización abrirase a mesma posibilidade ás cámaras GoPro Hero4, de xeito que chegaría con conectar as cámaras a dispositivos móbiles de Apple para achegar o sinal de vídeo a todo o mundo.
Esta nova prestación anunciouse no marco da VidCon, un congreso de creadores de vídeo en liña, e podería supor un importante pulo para a realización de retransmisións en directo, especialmente de actividades deportivas, contorno no que GoPro conta cunha grande presenza. Dado que Meerkat tamén permite incrustar as retransmisións en directo na web, isto fai que teña grande atractivo máis aló do contorno móbil, podendo converterse nunha boa ferramenta para medios en liña á hora de conectar coa súa audiencia dun xeito máis áxil como está a facer, por exemplo, Discovery.

PUBLICIDADE