Metal Gear Online comeza a funcionar en consolas de videoxogos

mércores, 7 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Durante as últimas horas os usuarios do xogo Metal Gear Solid V: The Phantom Pain para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3 e PlayStation 4 contan coa posibilidade de xogar a Metal Gear Online, un modo multi-xogador en liña accesible dende o menú principal do xogo que permitirá gozar de tres modos de xogo: Bounty Hunter, onde 2 escuadróns teñen que terminar co número de tickets do equipo rival; Clock and Danger, onde un equipo ten a misión de facerse cuns datos e o outro debe impedilo antes de superar o límite de tempo; e COMM Control, no que dous equipos teñen que capturar os enlaces COMM, quedando no rango dos mesmos e evitando que o equipo contrario se faga con eles.
Ao estarmos ante as primeiras horas do multi-xogador son moitas as incidencias que está a experimentar o servizo, de xeito que actualmente os responsables do xogo están a centrar o seu traballo en conseguir que os seus servidores funcionen con estabilidade. Precisamente por iso, os usuarios que mercaron a edición especial do xogo, que incluía contido descargable para o modo en liña, non poderán recibir os elementos adicionais até finais de semana.
No caso dos usuarios de PC o modo en liña non estará dispoñible até primeiros de 2016.

Tráiler de Metal Gear Online

PUBLICIDADE