MexilOnseTuits amosa o mellor do social media galego dende Cangas

luns, 20 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O Festival Social Media de Galicia MexilOnseTuits conseguiu por terceiro ano consecutivo ser o espello do sector do marketing en redes sociais na nosa comunidade, aproveitando a ocasión para salientar algúns traballos en concreto como reivindicación do bo labor que se fai na nosa terra neste ámbito dentro duns premios que cada ano están máis rifados ante a riqueza dos seus participantes. Nesta edición o evento trasladouse a Cangas, o que supuxo un cambio refrescante para o festival.
A gala de entrega dos Premios MexilOnseTuits estivo conducida pola xornalista Ana Celia Vázquez, cara moi coñecida polo público polo espazo O Tempo da TVG, que tamén está moi activo en redes sociais, de aí que recibise un premio na pasada edición. Tamén participaron deste certame os profesionais Frankie Gómez (ConfirmSign) e Eduardo García Erquiaga, contribuíndo cos seus relatorios a amenizar a xornada e animar aos asistentes a emprender.
Outra actividade que completou a entrega de premios foi unha mesa redonda na que participaron membros do xurado dos Premios. Concretamente Ana Rumbao, Marcus Fernández, Xosé Bangueses e Dani Martí, moderados por Emilio Cuiñas, foron os que deron o seu punto de vista sobre o estado actual do social media en Galicia, concluíndo que aínda queda moito por andar, e destacando que cómpre animar ao pequeno comercio a apostar firmemente por comunicar a través das redes sociais, por ser unha actividade que pode contribuír decisivamente á súa consolidación, que é unha das teimas da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), entidade organizadora do evento.

Os premiados

A entrega de premios comezou co recoñecemento da mellor campaña social, que recaeu en Salvemos Galicia da Megaminería, galardón recollido por Serafín González Prieto, que agradeceu a todos os que apoiaron a este proxecto para loitar contra a explotación mineira de Corcoesto. Esta iniciativa social conseguiu xuntar 251.439 sinaturas, ás que contribuíu especialmente un vídeo viral que acumulou preto de medio millón de reproducións e que chegou ao corazón de infinidade de cidadáns que concienciáronse así sobre o problema denunciado, o que valeulle tamén o premio ao mellor vídeo viral desta edición.

Xa nun ámbito menos altruísta chegou o premio á mellor campaña comercial, que recaeu en Koama, Con Tu Cocina¸ e á que seguiu á mellor integración e-commerce, que recaeu en Saborplace, plataforma de comercio en liña que busca facilitar aos produtores a venda directa de comida ecolóxica e artesanal, á vez que facilita ao consumidor o acceso a produtos de calidade e respectuosa co medio.

O novo proxecto divulgativo coruñés, Vivir na Coruña, que naceu como unha especie de guía cultural que aparte dos eventos de asistencia masiva tamén destaca numerosas actividades que acotío pasan inadvertidas, considerouse como o mellor blog informativo.

O mellor blog turístico deste ano foi Chavetas, froito do traballo de dous redactores, que foi recollido por Paula Bello, mentres que Isaac Martín saudou ao auditorio a través dun vídeo no que se vía como estaba “no frío ártico” preparando contidos para a súa publicación en liña:



A cada vez máis concorrida categoría de blogs de moda tivo nesta edición como gañadora a Paula Deiros Secrets, unha bitácora persoal sobre moda, tendencias, eventos e consellos de maquillaxe que incluso está enriquecido con contidos en vídeo.

O último premio nunha categoría en concurso foi o de mellor blog gastronómico, que este ano foi parar a Travi en la Cocina, unha proposta orixinal na que Marta Valcarce non se limita a publicar receitas de cociña, senón que tamén ofrece unha serie de propostas gastronómicas que descubrir dentro da cidade de Vigo, fuxindo da crítica gastronómica e buscando máis a exaltación da riqueza da cidade olívica.

Como peche da sesión matinal do encontro, a organización do MexilOnseTuits saíu ao escenario ao completo para dar conta da Mención Especial do Xurado destes premios, elixida por unanimidade, e que foi para ao xornalista Nacho Mirás Fole, “por facer dun revés unha oportunidade para vivir, por contalo día a día a través do seu blog rabudo.com e pola publicación do seu libro El mejor peor momento de mi vida”. Mirás recolleu emocionado o galardón e quixo dedicarllo á Sanidade Pública.

Os premiados posando xunto á condutora da gala, Ana Celia Vázquez

Actividades de lecer

Para completar a xornada, na sesión de tarde do MexilOnseTuits púidose participar nunha orixinal sesión de Branding Ioga impartida por Raquel Lemos e Victoria Ambrós; e tamén un paseo nun barco da Navieira Mar de Ons pola Ría de Vigo, achegándose até o transatlántico Oasis of the Seas e tamén a bateas reais (cando os pasaxeiros da embarcación eran en boa medida expoñentes do que dan en chamar de xeito informal a batea 2.0).

A xornada rematou cun paseo en barco pola Ría de Vigo


Dende Código Cero publicamos unha completa galería fotográfica do evento na nosa páxina de Facebook.

PUBLICIDADE