Microsoft celebra os 25 anos do Solitario cun torneo

luns, 18 de maio do 2015 Marcus Fernández

De cara ao lanzamento de Windows 10 dende Microsoft parece que foron collendo consciencia da importancia dos xogos que formaron parte das nosas vidas grazas á súa distribución dentro do sistema operativo de Microsoft, de aí que agora se animen a celebrar que o Solitario de Windows está a cumprir 25 anos, e para celebralo van organizar un par de competicións: por unha banda os empregados de Microsoft inician hoxe un campionato interno, e a primeiros de xuño os mesmos desafíos que empreguen internamente abriranse ao mundo nun torneo global.
Lembremos que o Solitario de Windows, aínda que desapareceu de moitos escritorios informáticos por non incluírse pre-instalado nas últimas versións de Windows, está dispoñible nas tendas de aplicacións de Windows e Windows Phone, totalmente de balde, e permitindo gozar de 5 variedades de xogo (Klondike, FreeCell, Spider, TriPeaks e Pyramid).
Está previsto que Windows 10 si inclúa de serie o Solitario e outros xogos (como Candy Crush Saga) cando vexa a luz o vindeiro verán.

PUBLICIDADE