Microsoft detalla como será o lanzamento da actualización a Windows 10

venres, 3 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Millóns de usuarios xa reservaron a súa actualización a Windows 10

Microsoft fixou no 29 de xullo a data de lanzamento da actualización a Windows 10 de Windows 7 e Windows 8.1, pero ante a inxente cantidade de equipos que optarán a tal salto de sistema operativo Terry Myerson comenta que realizarán a distribución da actualización en fases, para axudar a xestionar esta grande demanda.
Os primeiros usuarios que recibirían a actualización a partires do vindeiro día 29 serían os membros do progrma Windows Insiders, tras o que a actualización irá chegando aos usuarios que optaron por reservar a súa actualización a través da icona que apareceu no seu equipo e, finalmente, distribuírse ao resto de usuario.
No caso dos usuarios corporativos, as actualizacións comezarán o día 29 para as versións Pro e Home, mentres que as versión Enterprise e Education comezarán o 1 de agosto.
Actualmente Microsoft está a probar Windows 10 cuns 5 millóns de integrantes do programa Windows Insider, o que facilítalles a posta a punto do novo sistema operativo, para comezar en breve a súa distribución entre fabricantes, para que poidan comezar a súa integración os seus novos equipos, de xeito que poidan comercializarse directamente con Windows 10. Amais, moitas compañías tamén incluirán nos seus equipos con Windows 8.1 un adhesivo no que darán conta de que o equipo poderá actualizarse de balde a Windows 10 (dando así conta de que probaron o futuro sistema operativo nos seus ordenadores).
Cómpre en matizar que Windows 10 para dispositivos móbiles e consolas Xbox One aínda non ten unha data de lanzamento fixada.

PUBLICIDADE