Microsoft lanza o seu primeiro ordenador todo-en-un

xoves, 27 de outubro do 2016 Marcus Fernández

O anuncio da Windows 10 Creators Update que chegará a primeiros de 2017 veu acompañado pola presentación de novo hardware da serie Surface, entre os que destacou especialmente o primeiro ordenador de sobremesa de Microsoft, o Surface Studio, que vén a ser un equipo todo-en-un baseado na tecnoloxía das tabletas Surface, pero adaptada ao uso no escritorio, converténdose na mellor solución comercial para multitude de creadores que poderán gozar dun equipo potente, versátil e cun deseño moi coidado que como grande desvantaxe ten un prezo bastante elevado.

Surface Studio

Este novo equipo de Microsoft está equipado cunha impresionante pantalla táctil PixelSense de 28 polgadas cunha resolución de 4.500 x 3.200 píxeles sobre unha peaña abatible que dá grande liberdade á hora de orientar a pantalla e que incluso permite baixala até unha inclinación de 20 graos, disposición coa que buscaría converterse nun taboleiro ideal para debuxar, escribir a man ou deseñar sobre a pantalla.
O Surface Studio estará equipado con procesador Intel Core i5/i7, 8/16/32 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 965M con 2 GB de memoria ou nVIDIA GeForce GTX 980M con 4 GB de memoria, unidade de disco híbrida de 1 ou 2 TB de capacidade, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, webcam de 5 Mpíxeles compatible con Windows Hello, micrófonos duais, altofalantes estéreo 2.1, 4 portos USB 3.0, lector de tarxetas SD, mini DisplayPort, lapis dixitalizador, teclado e rato.
O seu prezo sería de 2.999 dólares no seu modelo máis básico e chegaría aos 4.199 dólares no máis avanzado, chegando o primeiro aos EE.UU. a partires do 15 de decembro, mentres que o resto de modelos terían que agardar a primeiros de 2017, cando tamén se espera que esta gama de produto inicie a súa distribución internacional.

Vídeo de presentación do Surface Studio

Surface Dial

Cando empregamos o Surface Studio para debuxar podemos ter certas dificultades de control, como acontece con moitas tabletas gráficas, e por iso Microsoft decidiu lanzar o Surface Dial, un accesorio que pode colocarse sobre a pantalla e que ten unha forma de disco que podemos mover por toda a área de traballo e xirar para realizar axustes como mudar a cor coa que estamos a pintar ou o grosor do pincel sen ter que separar o lapis dixitalizador da pantalla, facilitando moito o fluxo de traballo.
Este accesorio funciona con aplicacións como Sketchable, o Office de Microsoft, Windows Maps, Groove Music e moitas outras; sae á venda nos EE.UU. o vindeiro día 10 a un prezo de 99,99 dólares; e aínda que o equipo no que resulta máis axeitado sexa o Surface Studio, tamén é compatible cos equipos portátiles Surface Book e Surface Pro 4.

Surface Book

O portátil de Microsoft, o Surface Book, pese aos rumores dos últimos meses, finalmente non experimenta un cambio de deseño, e decidiu renovarse dun xeito bastante rechamante: lanzando versións de maior potencia (e prezo) á vez que melloran a súa autonomía.
Os novos Surface Book chegarán ao mercado o vindeiro norteamericano o vindeiro día 10, contando todos os modelos con potentes procesadores Intel Core i7, mudando as súas configuracións na cantidade de RAM (8 ou 16 GB) e a capacidade do seu almacenamento interno (256 GB, 512 GB ou 1 TB) con prezos de entre 2.399 e 3.299 dólares.
Este equipo portátil ao que pódeselle separar a pantalla para converterse en tableta sorprende nesta nova versión cunha autonomía que podería chegar até as 16 horas de reprodución de vídeo continuo, quedando como grande incógnita se desta volta chegará a comercializarse en España, a onde aínda non chegou ningún destes impresionantes portátiles cos que Microsoft quere marcar ao resto de fabricantes o camiño a seguir á hora de deseñar ordenadores que tiren proveito de Windows 10.

Vídeo de promoción dos novos Surface Book con procesadores Intel Core i7

PUBLICIDADE