Microsoft podería mercar Mojang por 2.000 millóns de dólares

mércores, 10 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O mundo dos videoxogos está moi pendente nestes días por mor dunha información publicada inicialmente polo The Wall Street Journal que apuntaría á posible compra da compañía sueca Mojang AB, creadora do xogo Minecraft, por parte de Microsoft por unha contía que podería superar os 2.000 millóns de dólares, operación que podería pecharse esta mesma semana, case coincidindo coa estrea de Minecraft en PlayStation 4 e Xbox One.

Markus Persson deixaría Mojang tras vender a compañía a Microsoft

Aínda que Minecraft teña xerado uns beneficios superiores aos 100 millóns de dólares, o valor da compañía parece un tanto disparatado, especialmente polo feito de que o fundador da compañía, Markus Notch Persson, que creara Minecraft en 2009 como afección (xa que era un entusiasta de LEGO), deixaría a empresa pouco despois da súa venda (non podemos esquecer que Persson sempre presumiu do carácter independente da súa compañía).
Ao parecer, o achegamento entre Microsoft e Mojang produciuse durante o desenvolvemento de Minecraft para Xbox, cando a relación entre ambas compañías foi moi positiva, de aí que espertase o interese da compañía de Redmond en facerse cunha empresa que conseguiu callar profundamente entre a mocidade.

PUBLICIDADE