Microsoft pon na rede a versión 2.0 do seu manual sobre a protección de datos

luns, 4 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Co obxectivo de axudar ás empresas a cumprir co regulamento vixente en España en materia de salvagarda de información privada, Microsoft vén de publicar a segunda edición do seu libro A protección de datos persoais: solucións en contornos Microsoft versión 2.0, unha obra que como o seu propio título indica tamén vai encamiñada a ser espello dos seus tempos, os da Rede participativa e social (a 2.0). O volume, que tivo o apoio da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e Red.es, xa está accesible en descarga gratuíta (abaixo, no apartado de información detallada). Segundo apunta a multinacional do sistema Windows, que presentou hai pouco o volume en sociedade, trátase de dar resposta a unha información, a da privacidade dos datos, cada vez máis demandada, agora que proliferan na Internet as empresas que os requiren e que cada internauta mantén contas abertas en multiplicidade de servizos.
O manual, de natureza divulgativa, xorde coa arela de ir alén dos logros da primeira versión, presente como texto clave na listaxe de empresas ou institucións clientes de Microsoft e mesmo no eido académico.
O libro”, sinala a firma responsable nun comunicado, “desenvolve e comenta de xeito sinxelo os artigos da Lei Orgánica de Protección de Datos con meirande repercusión tecnolóxica, detallando cal sería a recomendación axeitada para o seu cumprimento usando para isto plataformas e sistemas de Microsoft”. A idea da compañía, polo tanto, é a de adiantarse na medida do posible a unha situación, de maré incesante de datos, que a moitas empresas podería estar a piques de íreselle das mans. Dito doutro xeito: a máis presenza das novas tecnoloxías, máis información se manexa, moita dela confidencial, polo que é imprescindible que este manexo responda ás esixencias do regulamento, tanto no eido das empresas como no das entidades e as institucións públicas.
Esta achega incensante de datos persoais, que beneficia a remitentes (que participan de xeito máis pleno na Sociedade do Coñecemento) e destinatarios (que incrementan a súa axilidade para que aquelas gocen das vantaxes da era dixital), achega beneficios que Microsoft sitúa fóra de toda dúbida, pero tamén un aquel de risco: “Estes innegables beneficios tamén requiren de especial atención que asegure a total protección do dereito á intimidade e á privacidade de todas as persoas, que é o obxectivo último do libro que estamos a presentar”.

PUBLICIDADE