Microsoft potenciará o 3D, a realidade mixta e o xogo en liña coa vindeira grande actualización de Windows 10

xoves, 27 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses Microsoft demostrou estar nun bo momento, conseguindo que Windows 10 se consolide como un sistema operativo ben aceptado polo público e conseguindo que as súas divisións de hardware xeren importantes beneficios, polo que decidiu continuar na mesma liña e renovar os seus produtos e incluso presentar novos dispositivos que deixan claro que aínda queda espazo para a innovación.
A nivel de hardware Microsoft renova o seu ordenador portátil Surface Book cun modelo de maior potencia e autonomía, e aproveita os conceptos empregados pola familia de dispositivos portátiles Surface para estrear o primeiro ordenador de sobremesa de Microsoft, o Surface Studio. Adicionalmente tamén presenta un pequeno accesorio para facilitar o control creativo durante o uso de pantallas táctiles, o Surface Dial

Windows 10 Creators Update

Come eixe dos novos produtos teremos a grande actualización de Windows 10 que chegará a primeiros de 2017 e que levará como alcume Creators Update, deixando clara a súa intención: achegar ferramentas para que calquera poida crear, compartir e experimentar as 3D e a realidade mixta.
Para facilitar a creación en 3D o produto que vai ter un impacto maior probablemente sexa a nova versión do clásico Microsoft Paint, aplicación moi básica que agora transfórmase no Paint 3D, un estudio de arte en tres dimensións que promete dar moito xogo, aínda que o manexo de modelos 3D non se limitará a esta ferramenta, senón que tamén contará cunha comunidade en liña (Remix3D.com) e integrarase no Office (de xeito que poderemos incorporar elementos 3D en documentos ofimáticos).
Aínda que realizar modelos tridimensionais é un proceso bastante complicado, Microsoft tamén amosou unha ferramenta que valéndose unicamente cun smartphone é posible converter un elemento do mundo real nun modelo 3D que logo poder tratar no ordenador, o que abre a porta a unha tecnoloxía que até o momento parecía limitada a profesionais con grandes coñecementos técnicos.

Vídeo de presentación da Windows 10 Creators Update

Realidade virtual e realidade aumentada

A compañía de Redmond leva bastantes meses traballando na realidade mixta de HoloLens, casco que vai na liña dos de realidade virtual, pero que intégrase no contorno do usuario, de xeito que proxecta unha realidade virtual sobre a imaxe que percibimos do noso redor, ampliando a realidade con elementos virtuais, que poden ser dende modelos 3D que poderemos ver como se tivésemos o obxecto físico diante, até pantallas virtuais nas que ver contidos de todo tipo.
Pero esta tecnoloxía aínda está en desenvolvemento, abríndose pouco a pouco aos desenvolvedores, de xeito que tardaremos en vela no mercado, estando polo momento máis próximas as solucións de realidade virtual, que nos vindeiros meses darán un importante salto de cara á súa comercialización, xa que Microsoft anunciou que HP, Lenovo, Dell, Acer e Asus comercalizarán os primeiros cascos de realidade virtual compatibles coa vindeira grande actualización de Windows 10, pero que en vez de ter os esaxerados prezos que teñen estes accesorios na actualidade, partirán dos 299 dólares, o que fai moito máis accesible esta tecnoloxía tan prometedora.

Novas posibilidades para os xogadores

Os xogadores de Xbox One e PC tamén beneficiaranse de importantes cambios da Creators Update, de xeito que Windows 10 incorporará funcionalidades como Beam, un sistema que permitirá que os usuarios poidan facer streaming de vídeo das súas partidas contando con grandes posibilidades interactivas e, por se iso non chegaba, os usuarios tamén poderán tirar proveito de Arena en Xbox LIVE, plataforma que permitirá a calquera crear as súas competicións, para convidar a amigos e facer un seguimento dos torneos, dando unha maior versatilidade ao xogo en liña.
Microsoft tamén avanzou que os xogadores ordenadores en Windows 10 tamén poderán gozar de xogos como Forza Horizon 3 ou Gears of War 4 en ultra alta definición, de xeito que quen teña equipos de grande potencial non quedarán limitados á resolución que ofrecen os grandes lanzamentos en consolas de alta definición.

PUBLICIDADE