Microsoft resucita a marca MSN como cerna dos seus servizos e aplicacións

martes, 30 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Aplicacións como Bing Receitas responden agora ao nome de MSN Receitas

Anticipándose á previsible presentación da nova versión de Windows esta mesma tarde, Microsoft está a renovar distintas páxinas web e servizos, amosando o que podería ser a súa estratexia de marca para os vindeiros anos, desbotando a marca Bing en favor da vella MSN, o que é especialmente visible a nivel de aplicacións, de xeito que aínda que Bing continúe a ser un buscador, as aplicacións de Windows 8.1 e Windows Phone 8.1 de deportes, novas, o tempo, viaxes, saúde, viaxes e groumet están a actualizarse para incorporar o sufixo MSN en vez de Bing, cun cambio máis profundo no caso de Bing Finanzas, que agora responde ao nome de MSN Dinero.
A nivel da web tamén están a relanzar a páxina de MSN.com, que leva unhas semanas amosando a súa versión preliminar ao mundo para poder recibir feedback dos usuarios, permitíndoo pulir numerosos detalles para estrearse oficialmente durante as vindeiras horas, comezando con máis de medio cento de países, e incrementando o número de territorios cada mes, con vocación de servir de portal de entrada para os usuarios, de aí que inclúa tamén ligazóns a servizos populares como son Outlook.com, Office, OneNote, OneDrive, Skype , Facebook e Twitter.
Tras estes primeiros pasos do novo MSN, Microsoft comezará unha auténtica revolución para esta marca, xa que preparará o seu achegamento a dispositivos móbiles da competencia, de xeito que en poucos meses poderemos ver as aplicacións de MSN en iOS e Android, confirmando a estratexia da compañía anunciada por Satya Nadella, na que a nube e o móbil teñen máis importancia que os equipos informáticos e os sistemas operativos, sendo o máis importante chegar ao usuario alí onde estea.

PUBLICIDADE