Microsoft revoluciona os portátiles co Surface Book

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Na presentación de Microsoft desta tarde era visto que ían presentar os smartphones Lumia 950 e Lumia 950XL, así como a tableta Surface Pro 4, polo que sorprendeu bastante que aproveitasen o evento para amosar o que sería o primeiro ordenador portátil desenvolvido totalmente por Microsoft, o Surface Book.
Este novo equipo parece querer marcar o camiño a seguir para os fabricantes que busquen crear portátiles altamente transportables e moi versátiles, sendo algo improbable que se converta en todo un supervendas (pese a ser un produto moi atractivo) xa que o seu prezo de partida nos EE.UU. será de 1.499 dólares (polo que é de prever que en España saía a venda por máis de 1.600 euros).
Estamos ante un portátil de alto rendemento (funciona con procesadores Intel Core i5/i7 de sexta xeración) e, como indica o seu nome, a súa pantalla táctil tamén funcionaría cun lapis dixitalizador de grande precisión que completa á perfección a súa pantalla PixelSense de 13,5 polgadas (coa incrible resolución de 3.000 x 2.000 píxeles) que curiosamente pode desprenderse do seu teclado para funcionar como tableta para tomar notas e outros usos, de xeito que as semellanzas cunha Surface Pro 3 son innegables, pero a orientación deste equipo é máis profesional.
O Surface Book non só funciona con procesador de última xeración e grande potencial, senón que tamén vén equipado con moita RAM (8 ou 16 GB), opcións de almacenamento SSD (dende 128 a 1TB) e unhas gráficas de alto rendemento que, aínda que parten dunha básica Intel HD 520, conta con opcións para gozar dunha nVIDIA GeForce, polo que xa falariamos dun sistema que competiría de igual a igual con portátiles de alta gama. Tamén conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, 2 portos USB 3.0 de tamaño completo, lector de tarxetas SD e, para colofón, a súa batería achega unha autonomía de até 12 horas, o que fai que o atractivo deste equipo para certos usos sexa máis que evidente.
Cómpre destacar que, ao ser un portátil-tableta e non unha tableta-portátil, non precisa da compra dunha funda-teclado aparte, o que fai que o seu prezo poda parecer moito máis caro que o dunha Surface Pro 4, cando non parece que vaia ser así, senón que dá impresión de que estamos ante unha versión de maior tamaño e potencia, que poderiamos definir como máis profesional.
Loxicamente o ter que cargar cunha base de portátil completa o equipo engordaría até os 13-22,8 milímetros e o seu peso chegaría até os 1.516 gramos, o que non deixan de ser unhas características máis que aceptables para un portátil de 13,5 polgadas que ofrece moito máis do que estamos afeitos, e responde ás esixencias do mercado actual e aproveita as bondades de Windows 10, sendo máis que desexable que o resto de fabricantes tomen nota deste excelente deseño para os seus futuros produtos.

Na presentación desta tarde salientaron que o Surface Book é o dobre de potente que o MacBook Pro

Vídeo promocional do Surface Book

PUBLICIDADE