Microsoft traballa na estabilización de vídeos gravados en primeira persoa

luns, 11 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Dende Microsoft Research sorpréndennos de cando en vez con algúns dos seus avances, que sen dúbida poden resultar de grande interese para o público en desenvolvementos futuros, como a súa nova tecnoloxía de procesado de vídeos en primeira persoa, para facelos moito máis agradables e atractivos de ver no que dan en chamar hyperlapse.
Este traballo dos laboratorios de Microsoft consisten en coller vídeo gravado cunha cámara situada nun casco (para rexistrar unha xornada de escalada ou un paseo en bicicleta) co que intentar facer o típico efecto de time-lapse (ou sexa, acelerando o vídeo para poder ver o percorrido en pouco tempo) pero reconstruíndo os movementos da cámara orixinal en tres dimensións, para poder corrixir os seus moitos movementos, e poder estabilizar virtualmente tal cámara, para estabilizar a imaxe acelerada, o que non podería facerse mediante as tecnoloxías de estabilización de imaxe tradicionais. Polo que deixan ver nos vídeos de presentación desta tecnoloxía, os resultados son incribles, dando a impresión de que as gravacións parten dunha cámara estabilizada no momento da gravación, evitando a incomodidade de ver vídeos con moito movemento. Espera que este sistema de procesado de vídeo poida concretarse nunha aplicación para Windows en breve.


Vídeo de presentación dos hyperlapses de Microsoft

PUBLICIDADE