Microsoft traballa nunha tecnoloxía que converte a cámara dun smartphone nun scanner 3D

martes, 25 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Os laboratorios de Microsoft Research levan uns anos sorprendéndonos con interesantes avances aos que agora se une MobileFusion, un método para crear imaxes en tres dimensións en tempo real valéndose da cámara dun smartphone normal, para o que precisaría dun esforzo semellante ao de gravar un vídeo ou disparar unha fotografía, de xeito que con enfocar a un obxecto que teñamos diante poderemos dixitalizado en tres dimensións, tendo en conta o seu volume, o que podería servir para crear impresións en 3D ou xogos de realidade aumentada.
Esta tecnoloxía podería ser moi interesante para amosar obxectos dun xeito máis completo que unha simple fotografía, resultando moi práctico, por exemplo, para o comercio electrónico (de feito, moitos fabricantes xa inclúen imaxes en 360 graos dos seus produtos para dar unha mellor idea ao consumidor do que vai atopar).
Dende Microsoft xa traballaran nunha solución semellante baseada nun sensor Kinect conectado a un ordenador, pero agora destacarían por conseguir algo semellante directamente nun móbil, e sen precisar de cámaras especiais (emulando como rexistran a realidade dos ollos humanos), o que fai que esta tecnoloxía poida chegar a case calquera usuario cando estea dispoñible para Windows Phone, Android e iOS (aínda que non detallan o tempo que poderían tardar en facer da correspondente aplicación un produto dispoñible para o público xeral).

Vídeo de presentación da tecnoloxía de MobileFusion

PUBLICIDADE