Minecraft estreará beta para Windows 10 o día 29

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A pasada fin de semana durante a celebración da Minecon 2015 dende Mojang anunciaron que están a traballar en Minecraft: Widnows 10 Edition Beta, unha aplicación que estará dispoñible a través da tenda de Windows 10 a partires do vindeiro día 29, coincidindo co lanzamento do novo sistema operativo de Microsoft, e que trataríase dunha evolución do Minecraft: Pocket Edition para Windows Phone 8.1, que aproveitaría as posibilidades das aplicacións universais para funcionar simultaneamente en teléfonos, tabletas e ordenadores persoais.
O novo xogo será de balde para os que actualmente teñan a versión normal do xogo para PC, mentres que o resto de usuarios poderán descargalo durante a súa beta a un prezo promocional de 10 dólares. A beta permitirá xogar con até 7 amigos a través do multi-xogador local ou con amigos en liña de Xbox LIVE, permitirá xogar con usuarios da Pocket Edition a través dunha actualización que sairá un pouco despois do seu lanzamento, permitirá múltiples métodos de entrada (podendo alternar entre un mando, a pantalla táctil ou o teclado sen esforzo), integrará GameDVR (para gravar e compartir partidas) e incluirá todos os elementos propios dun Minecraft. De feito, nos últimos días tamén se anunciou que a Minecraft: Pocket Edition vai recibir numerosas melloras en breve, no que parece que sería a preparación do salto á aplicación de Windows 10, aínda que descoñécese se manterán a versión móbil separada durante moito tempo (xa que o seu prezo é considerablemente inferior á versión para equipos informáticos).

PUBLICIDADE