Mitwiz.com: a nova rede social galega onde cada evento importa

martes, 29 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Temos nova rede social de raizame galega e con moito potencial para converterse en comunidade máis que concorrida. Estamos a falar de Mitwiz.com, un proxecto que logo duns cantos meses con formato de beta privada, semioperativo por mor dos precisos retoques e desenvolvementos últimos, colle corpo aberto ao público en todo o sentido da expresión: de balde e abranguendo todo tipo de propostas de tipo social, empresarial ou cultural, veñan de quen veñan. De feito, a nova rede social que nos están a presentar os seus autores (Javier Sanromán dende Vigo e Carlos Prieto dende Coruña) é unha plataforma gratuíta dedicada exclusivamente a eventos do máis variado, sen xerarquías e presentándoos de maneira democrática, ou sexa, todos eles, grandes e pequenos, pintando o mesmo.
Un gran concerto, un monólogo nun bar, cacerolada, menú especial os xoves, pachanga de fútbol, quedada para xogar online, conferencia, cañas cos colegas, camisetas a metade de precio, cea na miña casa, exposición, inauguración... todos teñen a mesma importancia para a nosa rede social”, explican os seus creadores. Para irmos xa tirando partido de Mitwiz, cómpre que nos xeolocalicemos ao entrarmos na web, deste xeito poderemos ter ao alcance dos ollos os eventos máis próximos ao lugar no que esteamos. O rexistro é rápido e non ten maiores dificultades. A partir de aí, poderemos seguir os eventos doutros usuarios, engadir os propios ou ben compartilos con outros internautas que anden pola rede social. Tamén poderemos saber se os nosos contactos asistirán ou non a un evento determinado. A listaxe de posibilidades é ben ampla, sinalan os responsábeis da web, ao igual que outros factores, como a simplicidade, a proximidade ou o compoñente social. A rede xa dispón dun blog onde se dá “boa mostra da actividade frenética en canto a actualizacións e melloras de Mitwiz”. Nos vindeiros días, semanas e meses, seguiranse a engadir funcionalidades, tanto no que respecta á propia web e o seu miolo como na súa adaptación nas aplicacións móbiles para iPhone e Android. Para os que queiran saber máis cousas sobre o servizo, dicirlles que xa hai un vídeo na Rede sobre esta máis que interesante proposta galega.


Mitwiz explicado en vídeo

PUBLICIDADE