Mobify convértese na principal alternativa de mobilidade para os visitantes de Expourense

luns, 28 de outubro do 2024 Redacción

Mobify presentou o convenio de colaboración con Expourense durante a celebración de Xantar

A empresa de mobilidade sustentable Mobify (con aplicacións móbiles para iOS e para Android) vén de asinar un convenio de colaboración con Expourense a través do que Mobify convértese na principal alternativa de mobilidade flexible para os visitantes do recinto feiral. O convenio pretende facilitar a mobilidade aos visitantes de Expourense ao longo do ano.
José Manuel Martínez, director xeral de Mobify, asegura que «consideramos esta alianza entre ambas entidades como clave e estratéxica, tanto no ámbito profesional coma no sector turístico, gastronómico e termal, o que tamén supón un beneficio para a provincia», destacando que Xantar (evento desenvolvido a pasada fin de semana) supón un marco ideal para a presentación do acordo.
Dentro deste novo acordo asinado entre ambas entidades, Rogelio Martínez, como director xerente do recinto feiral e de exposicións ourensán, destaca que «fomentará o uso de alternativas de mobilidade sostible e flexible, reducindo a pegada de carbono, minimizando a saturación de vehículos nos espazos públicos e promovendo as novas tecnoloxías como servizo de garantía para os visitantes, traballadores e organizadores».
Entre as vantaxes, os usuarios de Mobify poderán iniciar e finalizar a súa viaxe de forma totalmente gratuíta nas inmediacións do recinto feiral, fomentando a creación de novas áreas de influencia e ampliando o servizo de mobilidade que presta Mobify.
Outra das vantaxes que se ofrecerán baixo a sinatura deste acordo será a delimitación física de varios espazos de estacionamento restrinxido para vehículos da empresa ourensá, garantindo prazas de estacionamento preferente para todos os usuarios e visitantes.