Mobile World Congress busca firmas innovadoras para a súa edición 2017

martes, 30 de agosto do 2016 Redacción

Xa podemos presentar a nosa solicitude para participar na edición 2017 dun dos grandes eventos estatais e mundiais de tecnoloxía, o Mobile World Congress (MWC2017), que se vai celebrar en Barcelona o ano vindeiro entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo. Así o fixo saber a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (SETSI), engadindo que o prazo para presentarmos a nosa candidatura de participación ficará aberto até o 14 de setembro. De estarmos interesados en amosar as nosas tecnoloxías e servizos no Mobile World Congress teremos que facelo a través da sede electrónica de Red.es.
Unha vez recollidas todas as solicitudes, procederase coa selección das 82 empresas que integrarán un espazo institucional con máis de 800 metros cadrados no que se amosarán produtos, servizos e proxectos de alicerce tecnolóxica orientados ao sector do móbil nalgunha das seguintes categorías: Cidades Intelixentes, Ciberseguridade, Fintech, Internet das Cousas/ Industria 4.0, Aplicacións móbiles, Mercadotecnia dixital, Tecnoloxías da linguaxe, Aplicacións da saúde e benestar social, Computación na Nube, Información Inxente (Big Data) e Educación.
Durante o catro xornadas que durará o MWC2017, as compañías estatais elixidas para o evento (en palabras da organización “a cita máis importante para a industria móbil”) participarán en actividades de promoción e serán as protagonistas da zona orientada ao networking co obxectivo de ampliar a súa rede de contactos, pechar acordos ou realizar demostracións.

PUBLICIDADE