Motorola incluirá Linux no 60% do seu catálogo

venres, 10 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Un dos grandes fabricantes de móbiles do planeta, a casa Morotola, vén de anunciar a súa aposta firme polo software libre para os seus terminais, aposta que viría dada pola procura de novos desenvolvedores no mundo. É dicir: pola busca de novos talentos que, precisamente por ser novos e independentes, adoitan a ter máis ligazóns cos programas abertos. A aposta de Motorola, que apoia unha boa parte dos seus alicerces e mesmo dos seus argumentos na saída ó mercado dos modelos Razr baseados en Linux, implicaría unha presenza de software libre do 60% sobre o catálogo total dos seus produtos.
Outro dos piares que sustenta a veracidade do anuncio da multinacional é a presentación no marco da LinuxWorld da súa plataforma MOTOMAGX (na imaxe), encamiñada a implicar á telefonía nas vantaxes e beneficios da Web 2.0. Ou sexa: que os desenvolvedores que empregan ferramentas do tipo AJAX poderán aplicar os seus programas nun móbil por medio dun navegador de código aberto.
Motorola, xunto con outros moitos fabricantes de todo o mundo, marca así distancias coa tradicional maridaxe móbiles-software propietario, abrindo primeiro as súas plataformas a espazos de traballo en Java e Brew e agora a Linux, sistema operativo que teoricamente debería contribuír a incrementar en todo o mundo o número de deseñadores de software e servizos. Cómpre subliñar que Motorola xa vende ó longo dos últimos catro anos preto de nove millóns de terminais baseados en Linux.

PUBLICIDADE