Movistar reformula as súas tarifas de contrato para móbil

luns, 29 de setembro do 2014 Redacción

Movistar vén de lanzar novas tarifas Vive para o móbil, presentando catro modalidades que, en palabras da operadora, “adáptanse aínda máis aos cambios no consumo dos clientes que desexen rendibilizar o seu gasto sen renunciar a prestacións”. As catro opcións son Vive 11, Vive 22, Vive 30 e Vive 43, cada unha delas unha nova tarifa dispoñíbel a partir do 1 de outubro. O obxectivo de Telefónica, con estas novas achegas, é mellorar a oferta de datos “ampliando as franquías desde 800 Mb no nivel inferior até os 4 Gb incluídos no contrato Vive 43”.
No cumio do catálogo está Vive 43, que inclúe como novidade servizos como MultiSIM (até 3 tarxetas SIM adicionais para usar a tarifa desde outros tantos dispositivos), e Nubico Premium (unha biblioteca virtual con máis de 7.000 libros electrónicos para ler desde calquera dispositivo).
Vive 11, pola súa parte, achega un prezo único de 18,15 céntimos para chamadas nacionais e internacionais, con independencia da duración das mesmas (cero céntimos o minuto), e tamén 800 Mb de datos por unha cota de 11 euros ao mes.
Vive 22 é a modalidade que, segundo Telefónica, mellor acaerá a aqueles que prefiran “a tranquilidade dun bono de minutos para controlar o gasto e estar cuberto no seu tráfico de datos”. Inclúe 200 minutos de chamadas nacionais e 1,1 Gb de navegación por 22 euros ao mes (IVE incluído). Pola súa banda, Vive 30 fornece chamadas de voz e envío de SMS ilimitados, ademais de 2 Gb de navegación por 30 euros ao mes (IVE incluído). Movistar apunta á idoneidade desta tarifa para o uso dun dispositivo intelixente.
As novas tarifas Vive de contrato móbil non teñen compromiso de permanencia. “Ademais”, engade a operadora, “todos os clientes que desexen cambiarse a calquera deste catro tarifas poderán facelo sen ningún custo adicional e en calquera intre”.

PUBLICIDADE