Mulleres empresarias galegas debaten este xoves na Coruña sobre o seu papel na Rede

mércores, 6 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

Agestic segue adiante cos seus obxectivos de traballar en contra dun tipo de discriminación que non é novo, o da muller, pero que tristemente acada novas realidades cunhas estruturas concibidas en teoría para non discriminar: as das redes e a Sociedade da Información. Precisamente para evitar que na era dixital se reproduzan punto por punto os mesmos defectos ca na era anterior (coa diferenza de que eses defectos se trasladan do real ó virtual), a Asociación Galega de Empresas de TICs coordina o programa estatal Nin Máis Nin Menos, do que xa dimos conta na súa apertura en Lugo e que prosegue este xoves ás 11.30 horas no ITE Caixa Galicia da Ronda de Nelle.
Neste acto, que servirá para analizar o papel das novas ferramentas nas mulleres traballadoras do sector comercial e de servizos, participarán 14 especialistas en redes e empresarias galegas procedentes de moi diversos ámbitos.
Como dixemos, a idea é avaliar polo miúdo o que poden achegar as redes ós sectores profesionais do comercio, os servizos, a hostalería e o turismo, e todo iso en relación á igualdade de xénero. Con este fin, contarase co testemuño directo destas mulleres emprendedoras e dos seus puntos de vista de cara ós puntos fortes ou febles da poboación feminina perante as novas tecnoloxías. O encontro, no que xa están inscritos máis de 70 profesionais do sector, conta co apoio da Fundación Paideia.

PUBLICIDADE