Na Rede o complemento Dicionarios de Galego para Firefox

xoves, 1 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

O engadido facilita as buscas no dicionario da RAG e no Estraviz

Cantas veces, redactando unha entrada no blog ou lendo un texto alleo, temos botado en falta un dicionario na palma da man, practicamente aberto por onde máis nos interesa? Pois ben, recursos en liña que cumpran esta función hai moitos e variados, pero se cadra o que máis se precisa son ferramentas que eviten mudar de xanela e que nos poñan os dicionarios dispoñibles, por así dicilo, xusto diante dos ollos. Estes precisamente son os puntos fortes de Dicionarios de Galego, extensión para o navegador web Firefox que, como dixemos, permítenos consultar calquera termo que atopemos nunha páxina web en varios dicionarios en liña dunha maneira sinxela.
Segundo conta Mancomún, para procurar un termo nos dicionarios abondará con seleccionar o termo que queiramos buscar, acceder ao menú contextual premendo o botón secundario do rato e na opción “procurar” elixir calquera dos recursos lingüísticos cos que vén sendo compatíbel esta extensión.
A definición do termo figurará nunha nova xanela.
Cómpre sinalar que polo de agora o devandito engadido achega a posibilidade de facer pescudas no dicionario da Real Academia Galega (RAG) e máis no Estraviz. Porén, o obxectivo do responsable desta extensión do Firefox é achegar compatibilidade total con todas as fontes posibles. Como todos os proxectos abertos en desenvolvemento, o que estamos a presentar agora fica coas portas apertas para suxestións e colaboracións.

PUBLICIDADE