Na Rede un servizo para emitir presupostos de avarías de coche logo de subirlle a foto do desperfecto

xoves, 19 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Dende Girona chéganos estes días a nova da posta en marcha dunha páxina web de interese para as condutoras e condutores e, de entre estas e estes, quen estea pensando en amañar o seu vehículo. Estamos a falar de Taliaris, unha páxina que é algo así como a adaptación ao universo virtual de quen che atende no taller cando non sabes se deixalo alí ou non, e procuras deixar a porta aberta para seguir buscando alternativas ao arranxamento, alternativas máis económicas. Ou sexa, que a web achega presupostos de reparación e, segundo avanzan os seus creadores, unicamente inseríndolle unha fotografía do vehículo.
Nas súas palabras, o obxectivo da ferramenta é achegar o mellor prezo posíbel, co aforro de tempo e diñeiro que supón a busca en liña. Taliaris.com, acabada de estrear, conta xa co apoio de 75 talleres de 10 provincias (unha boa parte deles emprazados en Catalunya, loxicamente, ao proceder de alí a iniciativa empresarial), número que os seus responsábeis, loxicamente, agardan ampliar até ofrecer un cobertura óptima de todo o territorio estatal incluíndo, pormenorizadamente, os principais núcleos de poboación e unha boa parte das cidades pequenas, vilas e demais. Máis polo miúdo, prevese acadar a cifra de 500 talleres a finais de 2013 e máis unha facturación de 3 millóns de euros. Arestora, recordan, tendo en conta que en España lévanse a cabo uns 36 millóns de arranxamentos anuais, o obxectivo de Taliaris é acadar as 180.000 xestións de reparación antes de que remate o segundo dos exercicios.
Sobre o procedemento axeitado para tirarlle partido a este servizos, dicir que só se precisa subir á web unha foto do desperfecto no noso coche, amais da ficha do vehículo en cuestión. “En menos de seis horas”, infórmase, “a páxina envía a petición de presuposto, sempre pechado, entre os establecementos máis próximos concertados pola web, e que envían directamente ao usuario”. É pois unha solución innovadora para os condutores, “que están afeitos a mercar todo pola Rede, que son cada vez máis, aqueles que sofren unha avaría lonxe do seu taller de sempre ou aqueles que non teñen tempo para levar o vehículo ao establecemento de reparación e queren coñecer canto custará a súa reparación previamente”, sinala Marçal Saurí, xerente da web.

PUBLICIDADE