Nace Soitu.es coma un medio aberto e participativo

xoves, 27 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Despois dunha espera de varios meses, a iniciativa de Gumersindo Lafuente, antigo responsable da edición dixital de El Mundo, Soitu.es, ve a luz coma un novo medio dixital que busca conxuntar o rigor do xornalismo tradicional coa filosofía propia da Internet.
Soitu.es álzase coma un medio independente e aberto, que publicará información elaborada por xornalistas, profesionais (expertos en distintas ramas do coñecemento) e lectores (cun criterio interesante e distinto).


Gumersindo Lafuente e Borja Echevarría explican, en qué consiste soitu.es.

A nova publicación reparte os seus contidos en novas de portada, medio ambiente, vida urbana, vida dixital, tendencias, sexo, saúde, sobre rodas, videopatía e Top of the Tops, incluíndo tamén os blogs de Anatoli e El Descodificador (que antes se publicaba en El Mundo). Os usuarios tamén poden rexistrarse para comentar as novas de Soitu.es e para publicar os seus propios artigos, que poderán ser seleccionados para estar en lugares visibles da web, polo que recibirán unha compensación económica (10 euros por chegar a portada de sección e 20 euros por chegar á portada xeral).
34 persoas integran a redacción e o equipo técnico que leva Soitu.es, aínda que tamén hai un completo grupo de colaboradores que completan os contidos deste novo medio, destacando os galegos Juan Varela, que fala de novos cidadáns e medios dixitais na súa sección Sociedad Cableada, e Juan Freire, que fai un achegamento á tecnoloxía que nos fai humanos en Piel Digital.