Netflix chegará a España en outubro

xoves, 4 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Grazas a unha entrevista do diario El Mundo ao creador de presidente de Netflix, Reed Hastings, sabemos que a compañía norteamericana de referencia a nivel mundial na oferta de servizos de audiovisuais a través de streaming chegará a España no mes de outubro, rematándose así unha longa espera e confirmando a aposta pola internacionalización de Netflix para poder manter o seu ritmo de crecemento.
Actualmente Netflix está presente en países do noso contorno como Francia, Alemaña ou Reino Unido, e a súa chegada a España sería bastante semellante, de xeito que é de agardar que o seu prezo mensual estea no contorno dos 8 euros, pero cun catálogo menos amplo xa que, por exemplo, dúas das grandes series de Netflix (como son House of Cards e Orange is the New Black) teñen actualmente un contrato de distribución en exclusiva con Movistar, aínda que si poderemos gozar doutras series orixinais de Netflix como Daredevil, que foi un dos grandes éxitos da tempada actual nos EE.UU. Aínda que comezarán cun catálogo algo reducido, esperan ir enriquecéndoo con series e películas segundo se vaia consolidando o servizo e vaia incrementándose a súa base de clientes (a comparación con EE.UU. resulta bastante inxusta, xa que nese mercado teñen 40 millóns de usuarios rexistrados e carecen de atrancos como a dobraxe).
No tocante á dobraxe, Netflix procurará ofrecer todo o contido que sexa posible dobrado ao español, aínda que tamén manterá a pista de audio orixinal e subtítulos, facilitando acceder así a un importante volume de series e películas, e ofrecendo unha solución moi próxima a experiencia que tiñamos co DVD, pero evitando as incomodidade dos soportes físicos (especialmente no caso do consumo de series televisivas).
Preguntado pola problemática da piratería, Hastings amósase confiado, e asegura que non foi un problema noutros países cunha situación semellante á de España, xa que “nós ofrecemos unha alternativa moito máis sinxela e inmediata que buscar un torrent” e incluso estableceu unha analoxía coa auga embotellada (“ a auga da billa pódese beber e é de balde, pero aínda así hai un público que demanda auga embotellada”).
Aínda que os plans para España non se debullaron oficialmente por parte da compañía norteamericana, o que si fixeron foi confirmar a través de Twitter que chegarán a España en outubro, o que suporá un antes e un despois no panorama audiovisual, á vez que porá a proba a plataformas actuais como Wuaki.tv, Filmin ou incluso as solucións de vídeo baixo demanda dos operadores de telecomnicacións.

Unha das grandes vantaxes de Netflix é que pode gozarse no televisor a través de case todas as consolas de videoxogos actuais, evitando a compra de hardware adicional

PUBLICIDADE