Netflix estará dispoñible a través de Vodafone TV

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Vodafone anunciou hoxe un acordo a través do que se incluirá dentro da súa plataforma de televisión en España o servizo de vídeo baixo demanda Netflix, de xeito que os usuarios de Vodafone TV terán en outubro acceso á aplicación de Netflix dende o seu receptor de televisión habitual.
A oferta de Netflix botará a andar en España con series orixinais en exclusiva como Narcos, Daredevil, Sense8, Bloodline, Grance and Frankie, Unbreakable Kimmy Schmidt e Marco Polo (outras series producidas por Netflix en curso non poderán ofrecerse por ter sido licenciadas a outras compañías hai meses), documentais como Chef’s Table e diferentes especiais de comedia. O público novo atopará tamén unha boa selección de programación infantil.
Entre a selección de longametraxes, Netflix contará con primicias como Beasts of No Nation, Crouching Tiger, Hidden Dragon, The Green Legend, Jadot ville e The Ridiculous 6. As producións achegaranse con varias pistas sonoras e subtítulos.
Aparte de estar dispoñible nos descodificadores de Vodafone TV, Netflix tamén estará accesible a través das súas aplicacións oficiais para smartphones, tabletas, consolas de videoxogos, televisores conectados e outros trebellos.

PUBLICIDADE