Netflix estrearase en novos mercados europeos na segunda metade do ano

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

A compañía de referencia entre os servizos de vídeo baixo demanda, Netflix, remitiu unha carta aos seus investidores para dar conta dos seus resultados relativos ao primeiro trimestre do ano, e os seus plans para o futuro, deixando claro que están ante un negocio con moito potencial que conseguiu superar os 48 millóns de usuarios e uns ingresos trimestrais de 1.000 millóns de dólares. A compañía non só destaca o incremento de usuarios en EE.UU. e a súa boa acollida internacional, senón tamén o grande éxito que está a ter a segunda tempada da súa serie House of Cards, que está a converterse nun exemplo de produción audiovisual distribuída por canles non convencionais (aínda que a España chega mediante plataformas de televisión de pagamento, nos EE.UU. limítase a súa distribución ao servizo en liña de Netflix).
Chegar a acumular 35,7 millóns de usuarios nos EE.UU. é un grande logro para Netflix, e ante a imposibilidade de manter o bo ritmo de altas, están a abrirse a novos mercados, gozando actualmente de 12,7 millóns de subscritores internacionais, agardando que tan número medre considerablemente nos vindeiros meses co desembarco do servizo a novos países. Detallan que queren chegar a máis países europeos durante a segunda metade do ano, aínda que non detallan os mercados en concreto (aínda que os rumores apuntan a que poderían ser Alemaña e Francia, quedando o sur de Europa para bastante máis adiante).
A nivel de contidos tamén recoñecen estar a ter moito éxito coas súas producións, de xeito que Netflix está a conseguir competir con canles televisivas tradicionais e outras compañías de Internet que tamén están a explotar a produción audiovisual, contribuíndo a consolidar un mercado televisivo que está a destacar pola súa calidade, o que beneficia a servizos como Netflix, que pode contar así cuns contidos cada vez máis atractivos para o público.

PUBLICIDADE