Netun impulsará as súas tecnoloxías de seguridade na estrada dende o Porto de Molle
luns, 8 de outubro do 2018
A
empresa galega Netun Solutions,
responsábel do lanzamento hai dous anos dun
revolucionario dispositivo destinado a rematar cos riscos dos
triángulos de sinalización de avarías, vén de asinar un
acordo co Consorcio da Zona Franca para establecerse no Porto de
Molle, máis concretamente na nave 6A do dito espazo de
emprendemento, onde contará para a súa actividade cunha superficie
de 1.150 m2 que lle permitirá consolidarse como referente en
tecnoloxías de seguridade para a estrada. O acordo para o aluguer da
nave foi asinado polo delegado David Regades e máis co conselleiro
de Netun, Jorge Torre. A empresa, como lembraremos, participou na
cuarta edición da aceleradora ViaGalicia, o que lle valeu o apoio do
Consorcio.
O
delegado mostrou a súa satisfacción pola sinatura do contrato e
aproveitou para felicitar aos directivos da startup, “xa que
esta empresa viguesa nacida en ViaGalicia”, dixo, “converteuse en
líder a nivel estatal”. E engadiu: “Trátase de que as boas
ideas cheguen a ser realidades e esta é unha delas. As institucións
públicas debemos apoiar aos emprendedores para que estes, unha vez
transformadas as súas iniciativas en PEME e consolidadas como
empresas, poidan xerar emprego”. Regades tamén salientou o feito
de que Netun, en pouco tempo, pasase de ocupar unha pequena oficina a
unha nave de máis de 1.000 m2 na que se atoparán traballando doce
persoas.
Dende
setembro de 2016
En
setembro de 2016, a empresa Netun
Solutions comezou a xerar expectación no mercado estatal cun
dispositivo de seu destinado a rematar cos riscos dos triángulos de
sinalización de avarías. A firma, que daquela collía impulso
no centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade
da Cultura (Galicia Open Future), adquiriu plena repercusión cunha
baliza luminosa de sinalización de emerxencias chamada Help-Flash,
cuxa principal vantaxe (á hora de colocar os obrigatorios triángulos
de sinalización de avarías) reside na redución do tempo da manobra
de advertencia, que pasa de ser de 8 minutos, aproximadamente, a ser
de 30 segundos. Posteriormente, xa metidos en 2017, Netun deu o
chimpo ao mercado de EE UU e incorporou
nas súas fileiras a Lucía Gregorio, até ese intre directora
xeral da asociación de empresas tecnolóxico-dixitais Ineo.
Para dar aínda máis pulo a esta proxección internacional da
dita tecnoloxía, que inclúe entre as súas vantaxes a de evitarnos
ter que saír do noso coche para colocar o propio aparello (o
dispositivo adhírese ao teito do coche, sen necesidade de saír del,
e actívase de maneira automática), Netun presentou o seu enxeño no
SEMA Show de Las Vegas, o meirande evento mundial de produtos
especializados para o motor.
Ao
longo do seu frutífero tempo de vida, obtivo importantes
recoñecementos como o III Premio Emprendedores e Seguridade Viaria
da Fundación Línea Directa e o Premio de Galería da Innovación na
Feira Internacional Motortec-Automechanika. Ademais, foi o gañador
da IV edición de #Insurtechtalks de Axa Seguros.