Niantic comeza a expulsar aos trampóns de Pokémon GO

venres, 19 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O xogo móbil Pokémon GO converteuse en todo un fenómeno de masas que principalmente anima aos xogadores a explorar o seu contorno na caza de criaturas virtuais, pero algúns usuarios non parecen estar moi conformes co este obxectivo e empregan trucos e trampas de distinto tipo para poder coleccionar o maior número de Pokémon sen moverse a pé polo mundo real, o que inicialmente dende Niantic resolveron con distintas medidas de seguridade pero, atendendo ás queixas dos xogadores honestos, decidiron pórse finalmente máis drásticos, e anuncian a través da súa páxina oficial en Facebook que xa están a tomar medidas contra os trampóns, para que non estraguen a experiencia do resto de xogadores, de xeito que xa hai usuarios recibindo comunicacións por correo electrónico informándoos de que a súa conta de usuario foi cancelada, ou sexa, que expulsan definitivamente aos trampulleiros do xogo.
Ante a posibilidade de que algunha expulsión fose inxusta, dende Niantic crearon un formulario para apelar a decisión de expulsión do xogo, aínda que parece improbable que vaian realizar baneos inxustificados, xa que probablemente o que detecte Niantic non sexan problemas no funcionamento do GPS do móbil, senón a identificación a través de aplicacións non oficiais, de xeito que quen empregue ferramentas para ter vantaxes no xogo ou simplemente simule unha posición GPS para facilitar a caza de Pokémon raros deberían evitar esas prácticas se non queren perder todos os seus progresos e verse expulsados do xogo indefinidamente.

PUBLICIDADE