Nintendo recuperará a NES nun formato reducido

xoves, 14 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 11 de novembro, para satisfacer a moitos nostálxicos dos videoxogos dos anos 80, vai saír á venda Nintendo Classic Mini, unha réplica a tamaño reducido da consola familiar orixinal de Nintendo, a NES, que agora poderá conectarse a un televisor moderno a través de HDMI e que, en vez de funcionar con xogos en cartucho ou descargables, conta cun catálogo de 30 xogos fixos preinstalados nos que figuran as franquías máis representativas da compañía nipoa.
Concretamente os xogos precargados na nova consola son Balloon Fight,Bubble Bobble, Castlevania, Castlevania II: Simon’s Quest, Donkey Kong, Donkey Kong Jr., Double Dragon II: The Revente, Dr. Mario, Excitebike, Final Fantasy, Galaga, Ghost’’n Goblins, Gradius, Ice Climber, Kid Icarus, Kirby’s Adventurem, Mario Bros., Mega Man 2, Metroid, Ninja Gaiden, Pac-Man, Punch-Out!! Featuring Mr. Dream, StarTropics, Super C, Super Mario Bros., Super Mario Bros. 2, Super Mario Bros. 3, Tecmo Bowl, The Legend of Zelda e Zelda II: The Adventure of Link.
A Nintendo Classic Mini inclúe o cable HDMI, un cable USB para a achega de corrente (o adaptador de corrente non está incluído) e un mando como o da consola orixinal, que facilitará que a experiencia de recuperar os vellos xogos sexa moi próxima á que se tiña no seu día. Tamén será posible adquirir un mando adicional para poder gozar dos modos para dous xogadores (aínda que cómpre salientar que o mando clásico e o mando clásico Pro de Wii serán compatibles con esta pequena consola).
Outro detalle curioso do mando da Nintendo Classic Mini é que pode conectarse ao mando da Wii, para así poder controlar os xogos da consola virtual de Wii U e Wii cun mando fiel ao orixinal.
Aínda que o prezo oficial en España aínda non se publicou, xa sabemos que nos EE.UU. a consola venderase a 59,99 dólares e o mando adicional a 9,99 euros, prezo suficientemente contido como para que se converta nun produto de grande éxito, especialmente de cara á campaña de Nadal, servindo para demostrar que os gráficos non son tan importantes para os xogos como tendemos a pensar, e a xogabilidade pura que ofrecían os clásicos está aínda vixente.

PUBLICIDADE