Noke, o cadeado que usa o smartphone como chave

martes, 19 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A fechadura do cadeado pode controlarse mediante unha aplicación móbil

Kickstarter continúa a servir de lanzadeira para numerosos produtos que dificilmente verían a luz sen recorrer ao micromecenado, o que resulta un tanto rechamante se vemos que en moitas ocasións conseguen superar o seu obxectivo en menos de 24 horas, como aconteceu co último produto de FŪZ Designs, o cadeado Bluetooth Noke.
Estamos ante unha solución que busca evitar ter que cargar cunha chave máis e evitar os problemas de ter que compartilas, de xeito que para abrir o cadeado emprega unha aplicación móbil (para Android e iOS) que se comunica co pecho a través de Bluetooth, facendo doado e seguro compartir as posesións que aseguremos con este elegante accesorio de boro e aceiro reforzado. O Noke é resistente á auga, carece de botóns externos, a súa batería pode durar até un ano enteiro para un uso normal e, como curiosidade, conta cun sistema de acceso rápido co que podemos abrir o cadeado mediante un código de toques curtos e longos no seu arco, como método de emerxencia para cando non teñamos o smartphone a man ou quedemos sen batería.
Este cadeado está a ofrecerse a través de Kickstarter por 59 dólares (55,45 euros con gastos de envío incluídos) coa posibilidade de reducir o seu prezo de adquirir varios dispositivos á vez, agardándose que cheguen a mans dos seus mecenas a partires de febreiro de 2015.

O Noke é un cadeado con Bluetooth 4.0

PUBLICIDADE