Nokia comprará Alcatel-Lucent por 15.600 millóns de euros en accións

mércores, 15 de abril do 2015 Marcus Fernández

Nokia e Alcatel-Lucent anunciaron hoxe a súa intención de combinar ambas empresas para fornecer a súa posición no mercado e facilitar a adopción dunha boa posición na nova xeración de servizos para un mundo conectado. Nokia realizará unha oferta para facerse coa totalidade das participacións de Alcatel-Lucent en Francia e nos EE.UU. baseándose na súa cotización actual, de xeito que valoraríase a compañía en 15.600 millóns de euros, o que levaría a que Nokia quedase co 66,5% da empresa resultante, mentres que Alcatel-Lucent quedarían co 33,5% das participacións da nova compañía que responderá ao nome de Nokia Corporation e manterá a súa sede en Finlandia, aínda que conservando tamén unha forte presenza en Francia.
A participación de executivos de Alcatel-Lucent na Xunta Directiva da futura Nokia Corporation será proporcional, de xeito que dos 9-10 membros 3 serían de Alcatel-Lucent e un dos mesmos ocupará o posto de vicepresidente.
Até o momento as xuntas directivas de ambas compañías aprobaron este acordo, quedando agora pendente da aprobación dos accionistas de Nokia e de varios organismos reguladores, para poder completar a operación durante a primeira metade de 2016.
A nova compañía centrará a súa actividade na creación de tecnoloxía de comunicación, o que incluiría a tan mencionada Internet das Cousas e a transición á nube, sen deixar de lado as tecnoloxías móbiles e incluso tecnoloxías de sensorización e imaxe. Procurarán cubrir así un amplo abano de produtos e servizos dixitais para poder conseguir unha posición forte no mercado que permítalles manterse no longo prazo e medrar en todos estes escenarios emerxentes.

PUBLICIDADE