Novo monitor Dell para gamers

venres, 26 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Os xogadores de PC son usuarios moi esixentes co seu hardware, de xeito que buscan teclados mecánicos, ratos resistentes con numerosos botóns e tamén bos monitores, e precisamente por iso Dell vén de incorporar ao seu catálogo o novo monitor modelo S2417DG, que vén a ser unha versión do monitor para xogadores de 27 polgadas que lanzou o ano pasado, pero nun tamaño máis reducido, para quen non teña espazo dabondo, ou para quen queiran realizar configuracións con varios monitores no escritorio.
Falamos dun completo monitor cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, un contraste de 1.000:1, porto DisplayPort 1.2, HDMI 1.4, 4 portos USB 3.0 (dous no lateral e 2 na parte inferior) e saída de audio mini-jack, que os xogadores apreciarán especialmente por contar cunha taxa de refresco de 165 Hz e seren compatibles con nVIDIA G-Sync, evitando así certos defectos de imaxe que acontecen nos xogos máis esixentes. A maiores tamén falamos de pantallas regulables en altura e inclinación.
Por desgraza, os que queiran gozar deste monitor LED de tanta calidade terán que facer un importante desembolso económico, xa que saíu á venda a un prezo oficial de 569,99 dólares, que en Amazon España xa figura a 598,90 euros.

PUBLICIDADE