Novo proxecto en liña para inventariar o patrimonio cultural galego

luns, 2 de maio do 2011 Marcus Fernández

Ante a necesidade da vixilancia e xestión estruturada do Patrimonio Cultural galego, articulouse en Facebook un grupo no que preto de 200 persoas discutían sobre a posibilidade de crear unha Mesa polo Patrimonio de Galicia, e que agora estrea unha páxina web baixo o dominio patrimoniogalego.net, que xurde como unha proposta de actuación colectiva aberta a que calquera poida informar dos Bens Culturais, Etnográficos e Arqueolóxicos da súa comunidade e poñelos nun escenario global, no que definen como «unha Wikipedia do Patrimonio Cultural Galego».
Patrimoniogalego.net é un Sistema de Información Xeográfica (SIX) construído a partir de WordPress e actualmente en face de probas, que ten como obxectivo elaborar un Catálogo Social do Patrimonio Cultural galego, estruturado por comarcas e concellos, pero no que tamén se poida recuperar información por ben cultura, por cronoloxía… aberto á participación en dous niveis: catalogadores (calquera que queira colaborar) e editores (responsables da boa xestión dos contidos) como acontece na Wikipedia.
Polo momento este proxecto conta co deseño e desenvolvemento web de Manuel Gago (promotor e responsable do sistema), Xurxo Salgado (responsable de comunicación), Franjo Padín e Xosé Gago (editores) e Soledad Felloza (produción).