Novo tablet económico con Android 4.0 de bq

venres, 13 de abril do 2012 Marcus Fernández

Quen desexe adquirir un tablet de pequeno tamaño e prezo reducido, sen ter que percorrer a dispositivos de compañías chinesas cun soporte cuestionable, ten agora unha opción bastante boa no bq Pascal 2, que vén de chegar ao mercado a un prezo de 119 euros, aínda que ata o vindeiro día 18 é posible adquirilo nas tendas da cadea Media Markt a un prezo de só 99 euros.
Estamos ante un tablet con Android 4.0 (compatible con Flash Player 11), pantalla capacitiva de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC, Wi-Fi N, microUSB, saída HDMI, cámara frontal VGA, batería de 4.000 mAh, unhas medidas de 192 x 118 x 11 milímetros e un peso de 348 gramos, ou sexa, trebello axeitado para empregar como lector de libros electrónicos, navegar pola web, xogar e reproducir contidos multimedia, sendo incluso de amosar películas en alta definición no televisor a través de HDMI. Carece de botóns físicos para o seu control, de xeito que pode manexarse totalmente cos dedos grazas á súa pantalla que detecta ata 5 dedos á vez.

O bq Pascal 2 ten unha pantalla de 7 polgadas e o sistema operativo Android 4.0

PUBLICIDADE