O 26% dos galegos empregou en 2010 o DNI electrónico

martes, 5 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O uso do DNI electrónico, se o comparamos co emprego que lle dabamos á tarxeta de identificación previa, probablemente non estea nin por debaixo nin por enriba deste último. Dito doutra maneira: úsase para o que se vén usando dende hai décadas. Outra cousa é se atendemos ás especificidades da nova tarxeta. Ou sexa, todo ese potencial electrónico que garda para axudarnos (entre outras cousas) a levar a cabo todo tipo de trámites e operacións a través das redes, incluíndo xestións coas administracións sen necesidade de acudir a esas administracións. Pois ben, este potencial aínda non acaba de despegar: semella coller voo, pero non queda claro se deixa de tocar chan. Con todo, hai avances, como non podía ser doutro xeito nunha cousa, o DNI electrónico, que parte de cero. Estudos sobre este pulo hai moitos, pero entre os máis optimistas, entre aqueles que definitivamente ven o aparello voar atópase sen dúbida o máis recente da rede de blogs Ocio Networks, onde se especifica que o uso da nova identificación está a medrar entre os galegos.
Tanto é así, sinálase, que máis da cuarta parte dos cidadáns do noso país recoñece telo empregado polo menos unha vez este último ano, cifra que supera nun 5% a taxa de 2009, que era do 20%.
Ocio Networks, comunidade de máis de seis millóns de internautas mensuais que cada pouco tempo tira proveito do potencial humano que manexa para tirar indicadores sobre penetración dixital, leva dous anos facendo este estudo sobre a nova tarxeta. A investigación que presenta agora, elaborada sobre a base de 1.875 internautas, achega unha taxa galega por enriba da media estatal en uso do eDNI, que sería do 24%. Polo que respecta ao coñecemento sobre as vantaxes e funcionalidades da identificación electrónica, cómpre sinalar que os autores do estudo tamén rexistraron un importante medre. Así, a porcentaxe de galegas e galegos que sabe para que serve é do 81% (82% a nivel estatal), fronte á taxa do 70% rexistrada o ano anterior. Por franxas de idade, os que máis coñecemento atesouran sobre estas novas tecnoloxías identificativas son con diferenza as persoas de entre 21 e 50 anos, aínda que o incremento de datos sobre as mesmas é aplicable a tódalas idades.

PUBLICIDADE