O 4% dos usuarios de dispositivos di ter sido víctima dun acceso á súa conta nunha rede social

venres, 7 de novembro do 2014 Redacción

Kaspersky Lab vén de facer unha enquisa, en colaboración con B2B Internacional sobre a realidade actual da seguridade multidispositivo (enquisa dispoñíbel en pdf). O estudo, que ten datos sobre unha chea de países, sinala que no caso de España, o 4% dos usuarios de calquera trebello móbil recoñece que os delincuentes lograron acceder á súa conta dunha rede social. A situación agrávase para quen teña sistema operativo Android, posto que que aí nese punto hai que falar dunha taxa do 13%. Esta é a porcentaxe de usuarios españois de tableta ou dispositivo intelixente con Android aos que lles interviñeron as súas contas de rede social.
O informe tamén sinala que “só unha miúda parte das persoas enquisadas entenden os riscos ligados ao uso activo e cotián dos servizos 2.0”, e iso que a comunicación a través deste vieiro (o vieiro das redes sociais) é a segunda actividade preferida polos usuarios de dispositivos. Respecto a España, a investigación conclúe que un 74% emprégaas decote, o que e palabras de Kaspersky “converte ás redes sociais nun obxectivo de interese para a ciberdelincuencia”. A empresa de seguridade tamén sinala que o 5% dos españois recoñece falar con descoñecidos sobre asuntos privados, mentres que o 16% adoita compartir información en liña que considera que non compartiría offline. De xeito paralelo, en en parte como consecuencia desta arela de privacidade, o 19% dos usuarios recoñeceu ter recibido correos de remitentes sospeitosos “que aseguraban formar parte dunha rede social ou outro sitio en liña, pedíndolles que mandasen o contrasinal ou outros detalles”. Por outra banda, un 17% viuse redirixido a unha páxina web non fiábel que lles pedía que introducisen os datos de acceso a unha rede social, unha conta de correo electrónico ou de xogos en liña.

PUBLICIDADE