O 4G na banda dos 800 MHz comezará a explotarse o 20 de xullo

mércores, 8 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Llega800 conta xa con páxina web e número de teléfono para atender aos cidadáns que poidan ter problemas de recepción da TDT por culpa das novas frecuencias de 4G

Aínda que non se agardaba que os operadores de telecomunicacións comezasen a explotar a banda dos 800 MHz (concretamente as frecuencias de entre 790 e 862 MHz que correspondían ás canles 61 e 69 do UHF que comprendían o chamado dividendo dixital liberado en abril) até o outono, Telefónica, Vodafone e Orange anunciaron hoxe que a partires do 20 de xullo comezarán a ofrecer servizos 4G en tal banda, o que permitirá gozar de máis conexións móbiles de alta velocidade, unha mellor cobertura no interior dos edificios e unha maior dispoñibilidade xeográfica.
As novas frecuencias irán ocupándose de xeito progresivo pola nosa xeografía para poder realizar as probas pertinentes para detectar posibles interferencias na recepción da TDT, de aí que as compañías de telecomunicacións chegasen a un acordo para lanzar unha campaña informativa a través de Elecnor, a través da súa entidade xestora llega800, que bota a andar hoxe mesmo. Entre os servizos que incluirán están a posibilidade de adaptar as antenas de edificios de xeito preventivo para evitar potenciais afectacións totalmente de balde, de aí que teñan que ir informando segundo se vaia producindo o espallamento do uso do 4G; así como a atención dos usuarios tras o acendido das estacións emisoras.
Unha vez que se normalice o uso da banda dos 800 MHz para o 4G é de agardar que este tipo de telefonía móbil chegue á meirande parte dos operadores móbiles, incluíndo os virtuais, que até o momento estaban bastante marxinados destas frecuencias xa que até o momento o 4G estaba limitado a frecuencias alternativas cun largo de banda moi limitado e con serios problemas para penetrar en edificios, de aí que os principais operadores evitasen compartir as súas frecuencias cos seus revendedores.

PUBLICIDADE