O 63% dos establecementos en liña venden grazas a promocións e descontos

mércores, 20 de maio do 2015 Redacción

Os responsábeis do motor de busca Doofinder, especializado en produtos e contidos para tendas en liña, veñen de facer un estudo sobre a actividade dos comercios online e os pros e contras da mesma: aquilo que lles axuda a medrar e aquilo que llelo impide. A investigación abre fogo co seguinte dato: o 63% destes establecementos venden grazas a promocións e descontos. Ademais, o 44% afirma que o prezo é a principal preocupación dos usuarios nas súas tendas en liña. Séguena os gastos de envío (23,5%) e as garantías de devolución (11,9%).
A investigación, feita sobre a base de 700 establecementos xestionados por Doofinder, sinala que só o 1% dos compradores-internautas adquire produtos que non pensara comprar, malia as tentativas e estratexias para incrementar este tipo de vendas mediante sistemas de recomendación durante o proceso do carriño da compra.
Por comunidades, Madrid, Catalunya e Andalucía son as zonas nas que máis produtos se adquiren por esta vía. No outro extremo sitúanse Navarra, Estremadura e Castela A Mancha.
O estudo realizado por Doofinder tamén pon de manifesto hábitos do consumidor online referente ao medio de pago máis empregado como “o mellor intre da semana para mercar”. Asi, o maior volume de compras céntrase nos primeiros días da semana, entre o luns e o mércores con maior nivel de compras entre as 11:00 e as 13:00 horas.
En canto ao medio de pago preferido, este é o cartón de crédito, “pola súa rapidez e facilidade á hora de efectuar a transacción”. Por certo que nestas vantaxes os teléfonos móbiles tamén xogan un importante papel, xa que polo menos o 15% do total das compras en liña realízanse a través dos dispositivos.
Os datos sobre o perfil medio de compradores por Internet son, segundo o estudo, moi axustados entre homes e mulleres, o 52,2% son homes fronte o 47,8% que son mulleres. En canto á idade, o 73,8% teñen entre 20 e 45 anos.

PUBLICIDADE