O 8 de novembro celébrase en Santiago a 1º Xornada dos Oficios da Maker Faire Galicia

martes, 29 de outubro do 2024 S. P.

A X edición da feira tecnolóxica galega Maker Faire Galicia celebra este ano a súa primeira Xornada de Oficios, un evento deseñado para poñer en valor os oficios tradicionais e conectalos coas novas xeracións.
Segundo explican dende o Concello para contextualizar esta actividade, nos últimos tempos, as conversas sobre estes oficios estiveron marcadas por dous grandes desafíos: a escaseza de profesionais cualificados e a falta de relevo xeracional. Para traballar nesta eiva celébrase o dito evento o vindeiro 8 de novembro na Casa das Máquinas de Galeras, dirixido a profesionais, estudantes e público xeral interesado en descubrir as oportunidades que estes oficios ofrecen no mundo actual. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, estará presente na inauguración.
O obxectivo principal desta xornada é “resaltar a relevancia e o potencial dos traballos tradicionais, demostrando como se poden adaptar e modernizar sen perder a súa esencia”.
A Xornada de Oficios incluirá charlas de expertos e referentes do sector, mesas redondas e espazos interactivos, onde se explorarán temas como a innovación, a experimentación con novos materiais e a importancia das redes para revitalizar estes sectores.
O evento abrirá ás 9:30 horas cunha mesa inaugural na que participará a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e representantes da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a organización da Maker Faire Galicia. A continuación, profesionais recoñecidas como Elena Ferro, artesá de terceira xeración, ofrecerá unha charla sobre a importancia de dignificar os oficios tradicionais. Tamén participará Álvaro Indias Salguero, de Arteotro Workshop, quen abordará O poder das redes sociais para impulsar os oficios e atraer ao público máis novo ou Francisco Millán, de Frouma, quen presentará a súa charla sobre Os mobles das bateas.
A artista multidisciplinaria Attua Aparicio, cofundadora do Silo Studio e con sede en Londres, falará sobre a súa experiencia con técnicas innovadoras e experimentación en materiais na charla Innovación a partir da Experimentación Directa.
Tamén haberá unha mesa redonda sobre Comunidades de Makers, con Álvaro Indias, Beatriz Barril, Leticia Castro e Carme Casado, discutindo o impacto das comunidades nos oficios, e outra sobre novos materiais, con Attua Aparicio, Francisco Guitián e Elena Fabeiro, que explorarán a importancia da innovación nos oficios tradicionais.
Obradoiros interactivos
A xornada incluirá obradoiros orientados principalmente a centros educativos e a diferentes públicos, tanto infantil como adulto, onde os asistentes poderán experimentar de primeira man co traballo artesanal.
Amor ó teu ofrecerá un obradoiro de estampado con selos para os máis novos, mentres que Ruxe guiará un taller de bixutería con resina mineral. Pola súa banda, Mocao Artesanía impartirá un obradoiro centrado no traballo con coiro, e Álvaro Indias liderará un taller de construción paramétrica, onde ensinará técnicas creativas para traballar con materiais de deseño. Ademais, o obradoiro de Peixesapop permitirá aos participantes experimentar con técnicas de Cianotipia e Marmolado.
Todos os obradoiros son de balde e para inscribirse só hai que cubrir o formulario habilitado.
Espazo Makers
Ao longo do evento, o público terá a oportunidade de visitar o Espazo Makers, onde se presentarán proxectos innovadores e creativos relacionados cos oficios tradicionais. Este espazo incluirá dúas áreas destacadas: unha apoiada pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia e outra pola Deputación da Coruña, ambas amosando como as técnicas tradicionais poden adaptarse ás tendencias contemporáneas.
Think Tank sobre o futuro dos oficios
Pola tarde, celebrarase unha sesión de Think Tank onde expertos, relatores e makers discutirán a porta pechada o futuro dos oficios tradicionais, as oportunidades e os desafíos que deben superar para manterse relevantes no século XXI. “Será unha oportunidade única para reflexionar sobre as novas vías de colaboración entre tradición e innovación”, informaron dende a organización.
Entradas e rexistro
A entrada ao evento é gratuíta ata completar aforo e está orientada especialmente a centros educativos e a estudantes e novos talentos que estean completando a súa formación, así como a calquera persoa interesada en descubrir o futuro dos oficios tradicionais.
Este evento conta co apoio do, Concello de Santiago, Xunta de Galicia, e Deputación da Coruña. A Maker Faire Galicia organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC.