O 96,7% das empresas galegas empregan o computador

martes, 23 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións (ONTSI) de Red.es vén de publicar o seu informe anual sobre novas ferramentas dixitais na empresa española e, como de costume, hai nel unha serie de datos de interese para tomar o pulso da evolución parella de dous elementos condenados a atoparse: as actividades económicas e as canles en liña. Ao aparecer, hai un pouco de todo: motivos para queixarse (digamos que a relación, en determinados sectores de actividade e comunidades, non se dá asentado, en parte porque para algunhas empresas segue a ser caro estar na Rede) e motivos para ser positivo (no informe máis da metade das empresas con Internet teñen web, e o 96% das firmas en xeral empregan a Rede para a busca de información).
En xeral, dise no estudo, a situación mellora en temas como o acceso á banda larga (a súa dispoñibilidade subiu 4 puntos no último ano), o que tampouco é moi salientable, tendo en conta que se partía dunha situación precaria.
Por sectores, cómpre facer mención especial da hostalaría, o turismo a as tecnoloxías en xeral como especialmente activos no emprego das redes, a rentes todos eles dunha taxa do 90%.
Polo que respecta a Galiza, que arestora achega o 6% das empresas de todo o conxunto do Estado, contaba en xaneiro do ano pasado coas seguintes porcentaxes, segundo o dito estudo do Observatorio:
· O 96,7% das empresas empregan ordenador (98,1% de media española).
· O 90,2% usan Internet (94,3% de media española).
E hai máis:
· O 92,9% teñen telefonía móbil (92,9% de media estatal)
· O 88,8 conta con correo electrónico.
· O 91,6% das empresas con Internet ten banda larga (95% de media española).
Polo que atinxe á situación de Galiza con respecto ás restantes comunidades, dicir que o informe deixa á nosa terra nos postos máis baixos nos devanditos índices de presenza de ordenador e rede no eido das empresas, só superada (negativamente) por Castela A Mancha, cuns índices de 94,7 e 89,3%, respectivamente. Con todo, hai que sinalar que non hai grandes diferenzas entre unhas comunidades e outras, sobre todo no grupo que se sitúa no cumio do ranking, no que atopamos a Canarias, Navarra e Madrid.
Volvendo ás estatísticas a nivel nacional, sinalar que a investigación do Observatorio tamén achega datos de interese sobre o afianzamento das canles dixitais á hora de facer trámites e comunicacións coas administracións dende o eido empresarial. Deste xeito, máis do 60% das pequenas e medianas empresas interactuan coa eAdministración pola Rede, e as grandes fano na súa totalidade (96,1%).
Respecto ao emprego da rede para o comercio electrónico, dicir que a porcentaxe de grandes firmas que envía facturas por esta vía está arestora nun 22%, situándose nun 20% as que as reciben. O 19% das empresas en xeral leva a cabo compras pola Rede, e o 9% efectúa vendas.

PUBLICIDADE