O BNG anima á cidadanía a xerar debate na súa web electoral europea

xoves, 27 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galega vén de lanzar, oficialmente, a súa páxina web para concorrer nos comicios europeos deste ano. Segundo informan fontes da fronte política, o sitio BNG-Europeas 2014 será un espazo de información sometido a un proceso continuo de actualización. E sobre todo, engaden, “será un espazo aberto á participación directa da cidadanía co obxectivo de recoller as propostas e valoración da xente até o momento de celebración dos comicios”. Para o BNG, unha das grandes novidades da súa proposta en liña para as ditas eleccións radica no proceso aberto coa etiqueta #ideasparanosdefender, no que se convida á participación de todos os galegos e galegas “para aportar propostas, iniciativas ou medidas para ser incorporadas ao programa electoral do Bloque”.
Entre as achegas coas que xa conta esta iniciativa de ideas para nos defender (unhas poucas horas despois do lanzamento definitivo da web) podemos atopar as seguintes: pensións contributivas para as amas de casa, supresión das axudas europea aos espectáculos taurinos e medidas para mellorar a eficiencia enerxética e promover o uso de enerxías renovables, participación directa de Galiza nas negociacións en Bruxelas de temas que lle afecten, defensa da lingua na Eurocámara, etc. O BNG lembra que ademais de participar no fornecemento destas ideas e proposicións, podemos valoraralas e votalas “como forma de expresión de adhesión ou preferencia”. A idea da fronte política galega, neste senso, é conseguir que colla corpo real un concepto 2.0 que xeralmente ten ficado no papel: co concepto de participación cidadá a través da Rede.
“A web electoral”, engade o BNG, “pretende ser unha canle de comunicación directa coa cidadanía, para recoller as súas propostas, as súas opinións e mesmos a súa indignación ante un modelo de Europa marcado pola Troika e pola dereita política, que ten aumentado as desigualdades e empobrecido á maioría dos galegos e galegas”. Por certo que para levar aínda máis lonxe esta vontade de mobilización e participación, a páxina apoiarase nas redes sociais para difundir o traballo desenvolvido durante a anterior lexislatura. Cousas como por exemplo a posición do partido perante o debate sobre o futuro da Unión Europea ou o seu compromiso cos sectores produtivos galegos. Así, tirarase partido (unha vez máis) dos espazos do BNG no Twitter (onde superou os 10.000 seareiros) ou o sitio de seu no Facebook, que acubilla 7.000 seareiros.

PUBLICIDADE