O Banco Pastor achega unha ferramenta de videinterpretación para persoas xordas

xoves, 28 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Gráfico onde se explica cómo funciona o sistema Bildtec, base da tecnoloxía usada polo Banco Pastor

Non abonda con fomentar a accesibilidade física, algo que debe darse por descontado en tódolos espazos urbanos da nosa contorna, ben sexan públicos ou privados. Nos tempos que vivimos, cunha Sociedade da Información que é e ten que ser dereito universal, a accesibilidade ligada aos procesos comunicativos debera ser tan importante coma a propia información. Ou máis. Pero non sempre así. Por iso os poucos esforzos que se están a levar a cabo neste senso dende o sector privado teñen especial importancia: porque dan exemplo. Hoxe, e sen que sirva de precedente (con todo o que lle podemos achacar), toca falar ben da banca. Máis polo miúdo dunha entidade galega, o Banco Pastor, que vén de promover un servizo de videointerpretación para os clientes con xordeira.
Así nolo contan dende Xornal.com, facendo fincapé no pioneiro da iniciativa, tanto na nosa terra como no conxunto do Estado. De feito, segundo indica o devandito medio facéndose eco das declaracións que fixo na presentación deste recurso Feliciano Sola, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), trátase da primeira vez en España que unha empresa privada pon en marcha unha iniciativa social desta índole contando coa colaboración dunha entidade como a dita Federación. Por unha vez na nosa terra, e agardamos que non sexa un acontecemento illado, unha organización de tipo social e unha empresa privada unen esforzos para botar abaixo barreiras comunicacionais no que se refire á posibilidade de acceder plenamente á información, barreiras que para unha persoa xorda son especialmente grosas.
Polo de agora, informou o Banco Pastor, este servizo estará accesíbel en once das sucursais da entidade (dúas en A Coruña, en Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago, Verín, Vigo e Vilagarcía) e, tamén, a través da web do Banco, co fin de achegar accesibilidade nos fogares dos seus clientes. Con todo, a previsión é estender o servizo, para o que se afondará na colaboración FAPXG-Banco Pastor.
A base desta iniciativa está na tecnoloxía Bildtec, que posibilita a comunicación sen que sexa preciso a presenza física dun intérprete da lingua de sinais. Con isto, solucionaríase a falta de dispoñibilidade de persoas con estes coñecementos comunicativos que afecta á federación, unha entidade que, como todas as das súas características, non se caracteriza por mover grandes recursos. Para tirar partido deste servizo, as persoas potencialmente usuarias do mesmo só terán que sentar perante un monitor con cámara web nalgunha das sucursais equipadas con estes recursos, onde un intérprete atenderá á súa consulta. Logo de recibila, traduciralle o requirimento do cliente ao empregado do banco, sistema que é aplicábel, cos seus matices, á comunicación en liña facilitada pola páxina web.

PUBLICIDADE