O CCG publica as actas dos seus congresos de Rosalía e Cunqueiro para múltiples dispositivos

venres, 27 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega presentou este venres as actas dos congresos de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro editadas en formato multidispositivo, é dicir, accesíbeis e perfectamente consultábeis dende calquera tipo de trebello tecnolóxico. Falamos dos congresos Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada e Mil e un Cunqueiros, dous eventos que revisaron no seu día a obra dos dous escritores galegos e cuxo legado (o dos congresos) recupera agora o Consello da Cultura nun formato dixital “que adapta e maqueta os contidos en función do dispositivo de lectura”. Segundo fixeron saber os representantes da nosa cultura que participaron no acto de presentación, a xornada deste venres non só vai representar unha xornada importante para o CCG, senón tamén para os propios Rosalía e Cunqueiro e, tamén, para a cultura galega. “Cada unha das pezas publicadas”, fixo saber a vicepresidenta do CCG, Rosario Álvarez, “terá vida propia porque navegará pola Rede con vida propia”.
Rosario Álvarez tamén apuntou na presentación que as publicacións dixitais anunciadas superan as dúas mil páxinas, sumando máis de cen textos doutros tantos autores que se organizan seguindo a estrutura dos congresos aos que remiten. Na opinión da vicepresidenta do CCG, “a concorrencia nestes avances tecnolóxicos é o que lle dá ao galego o poder de estar en calquera lugar do mundo e obter un retorno dende alí”.
No acto tamén estivo presente Manuel Gago, responsábel da vertente dixital do Consello, que sinalou que a iniciativa dada a coñecer (esta dixitalización das actas dos congresos de Cunqueiro e Rosalía) e outras moitas nas que traballa o CCG, responden a unha vontade de aproveitar os novos xeitos de consumir cultura, un proceso que se dá xa en múltiples escenarios e de moitas maneiras diferentes, antes impensábeis. Igualmente, dixo que os traballos desenvolvidos e que desembocaron nas actas dixitalizadas “serviron de campo de probas para presentar unha nova forma de edición dixital”. Falou tamén de que unha das bases do proxecto é o concepto de coñecemento adaptativo, unha fórmula de subministro de información que rompe non só os límites impostos polo papel senón límites tamén tecnolóxicos (entra en xogo a posibilidade de concorrer con calquera trebello TIC, tableta, móbil, computador e tamén papel), e que favorece a discusión científica e a diseminación entre o público en xeral. “Neste intre”, dixo, “presentamos dúas publicacións que de termos apostado polo papel serían de moi difícil edición, e de feito estamos a falar de contidos que abranguen arredor de 1.200 páxinas”. Outro dos obxectivos da iniciativa foi, en realidade, xerar conversas a partir dos contidos achegados.
En palabras de Dolores Vilavedra, editora e coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Sociedade do Consello da Cultura Galega, “o que se presenta foi un proxecto ambicioso que exhibe un concepto de coñecemento en aberto a partir da difusión na Rede”. Pola súa banda, o profesor da Universidade de Vigo Manuel Forcadela asegurou que as actas que se fornecen en formato multidispositivo “fan parte do noso tesouro patrimonial”. No caso de Rosalía, dixeron, “a publicación serve para evidenciar a vixencia da súa obra, para poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas”.
Segundo fixeron saber, a publicación referente á autora de Follas Novas recolle o testemuño da devandita cita congresual en 60 textos, agrupados nos bloques en que se estruturou o congreso do ano 2013, que veu da man do CCG combinando a estrutura dun evento físico e outro virtual, e complementándoos cunha exposición de citas culturais. Polo que respecta ao outro evento, o de Cunqueiro, sinalar que se celebrou en 2011 e que tamén foi organizado polo Consello, coincidindo co centenario do nacemento do autor de Merlín e familia. Na cita, entre outras cousas, revisáronse as obras do escritor e avaliáronse os estudos sobre a súa figura levados a cabo até esa data. A publicación dixital presentada este venres recolle as 7 conferencias e 25 comunicacións expostas no congreso, así como as intervencións nas 4 mesas redondas. “Os materiais”, informaron os responsábeis da iniciativa, “foron organizados en función de criterios temáticos, tendo en conta as áreas que se lles propuxeron ás persoas participantes, e que serviron para artellar as sesións congresuais”.
No acto tamén interveu o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen se amosou moi compracido de que fosen Rosalía e Cunqueiro, “dous clásicos e soñadores”, os que finalmente acaben por protagonizar este avance da nosa cultura cara a novas olladas, novos estudos. “Nos vindeiros anos”, engadiu, os métodos presentados vanse seguir testando con outros eidos da nosa cultura e outras escritoras e escritores”. E concluíu: “Con isto rompemos o círculo vicioso da autorreferencia, un muro no que voluntariamente ou non nos deixamos encerrar”.
Na cita participou igualmente Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen cualificou a data deste venres 27 de “data histórica para o CCG e para a cultura galega”. Unha cultura, engadiu, que certamente ten moito en contra, “xa que os galegos non temos exército, nin unha xeografía estratéxica nin tampouco poder demográfico, e malia todo fomos quen de ter e conservar unha cultura milenaria, un milagre que faise, refaise e agora continúa”. E concluíu: “Dende aquí, hoxe na sede do Consello da Cultura, o que fiemos foi alimentar o soño e que as brasas fiquen vivas”.

PUBLICIDADE