O CDTIC acolle un seminario sobre seguridade móbil

mércores, 30 de marzo do 2016 Redacción

O Centro Demostrador TIC organiza o día 7 de abril o seminario Están seguros os meus datos no móbil?, que se impartirá nas súas instalacións en horario de 16:00 a 19:00 horas e será retransmitido por videoconferencia a través da Rede CeMIT. Ao logo da sesión, farase unha revisión das diferentes ameazas, os riscos e os mecanismos de control útiles para facer un uso o máis seguro posible dos dispositivos móbiles no ámbito da empresa.
Este seminario está especialmente deseñado para persoas usuarias de dispositivos móbiles no ámbito empresarial que desexen coñecer os riscos e as ameazas de seguridade aos que se expoñen, así como aprender prácticas e mecanismos de control que permitan identificalos, acoutalos e cuantificalos. O encargado de impartir a xornada será Marcos Lois Bermúdez, técnico especialista en electrónica industrial e cofundador e director da empresa de desenvolvemento de software TeraTIC.
Para asistir presencialmente a esta actividade en Santiago cómpre inscribirse a través do teléfono 881 995 200 ou no enderezo electrónico cdtic@xunta.es. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Para aquelas persoas que non podan desprazarse a Santiago, o seminario será retransmitido por videoconferencia nas aulas CeMIT de Barreiros, A Cañiza, Celanova, Leiro, Monforte de Lemos, Ourense, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, Porriño, Valga, O Vicedo, Vilanova de Arousa e Xunqueira de Ambía. A inscrición para asistir baixo esta modalidade debe realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT.

PUBLICIDADE