O CEIP As Covas recibe o recoñecemento da Fundación ONCE pola súa accesibilidade TIC

xoves, 10 de marzo do 2011 Raquel Noya

O Colexio de Educación Infantil e Primaria As Covas, emprazado no concello pontevedrés de Meaño, vén de obter o recoñecemento especial da Fundación ONCE como entidade que máis destacou polo seu labor en materia de mellora á accesibilidade TIC, no marco dos seus Premios Discapnet, que concede anualmente a entidade.
O xurado destes galardóns, encabezado polo presidente da ONCE e a súa Fundación, Miguel Carballeda, destacou a este centro galego polo seu proxecto de investigación no uso das TIC no ensino, pola creación de adaptacións informáticas e a autoaprendizaxe do profesorado, actuacións que segundo asegurou o seu director, Pedro Alberto Padín Solla, “iniciáronse trala incorporación ao centro dunha alumna con necesidades educativas especiais”.
Todo isto constituíu para o xurado “un exemplo de creatividade e de compromiso coa accesibilidade e para o ensino integrado” que levaron ao colexio pontevedrés a facerse co máximo recoñecemento da súa categoría xunto con La Caixa, con quen comparte premio.
Os Premios Discapnet, aos que se presentaron un total de 121 candidaturas, recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das TIC e premian cada ano a aquelas institucións e empresas distinguidas polo seu compromiso coas persoas con discapacidade; como neste caso, o CEIP As Covas.
Padín Solla, o director do centro, foi o encargado de recoller o premio da man da Princesa Letizia Ortiz, quen presidia o acto e quen, durante a súa intervención, destacou a necesidade de “ampliar a accesibilidade para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade”
Renfe, Repsol, RTVE ou Vodafone foron algunhas das entidades galardoadas xunto co colexio galego na edición deste ano dos Premios Discapnet.

PUBLICIDADE