O CESGA pon recursos de seu nun estudo contra o cambio climático

luns, 22 de setembro do 2014 Redacción

O investigador Vicente Timón

A loita contra o cambio climático foi o eixo central da estancia ICTS (Instalación Científico Tecnolóxica Singular) levada a cabo no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) por Vicente Timón Salinero -doutor en Ciencias Físicas do Instituto de Estrutura da Materia, Consello Superior de Investigacións Científicas, Madrid- durante a cal informou sobre a procura de materiais que capturen gases de efecto invernadoiro amais de afondar no seu comportamento en contornas astrofísicas. Un traballo desenvolvido cos recursos de simulación do CESGA.
Neste encontro tentouse simular a estrutura óptima que debe ter un tipo de materiais porosos con estrutura zeolítica para absorber de maneira máis eficiente o dióxido de carbono. Timón tamén aproveitou a súa estancia no CESGA para avanzar noutra das súas investigacións: o estudo de espectros infravermellos dos xeos de auga. Alén disto, con este traballo comprenderase mellor a composición dalgúns corpos celestes.
Máis polo miúdo, a súa liña de investigación trata sobre a captura de CO2 para reducir a súa presenza na atmosfera e a súa posterior reciclaxe, así como o comportamento deste tipo de gases en contornas astrofísicas e a formación de xeos. As investigacións que se están a realizar respecto diso desenvólvense a través da súa participación na convocatoria International Research Staff Exchange Scheme EU Marie Curie Action-, proxecto CapZeo.
Vicente Timón aproveitou a súa estancia no CESGA para avanzar ademais outra investigación do seu grupo, nesta ocasión enfocada á astrofísica: “O noso departamento está a analizar xeos de auga, de CO2 , de metano... para estudar os seus espectros infravermellos, que son pouco coñecidos nestes ambientes de baleiro e baixas temperaturas; o obxectivo é comprender mellor a composición dalgúns corpos celestes”. Segundo fixo saber, tratase de dúas investigacións diferentes, pero en certo senso relacionadas: consisten en coñecer en maior profundidade estes gases, para saber como tratalos na Terra e entender o seu comportamento no espazo exterior cando se adhiren á auga, mestúranse e forman os seus propios xeos, “dado que os atopamos nunha ampla variedade de corpos celestes, en cometas e planetas como Marte”, explicou.
E engadiu: “É fundamental que aproveitemos as posibilidades que nos brindan os centros e as redes europeas de supercomputación para poder levar a cabo uns traballos que, doutro xeito, non se poderían facer. No meu caso este tipo de zeolitas son compostos grandes formados por redes de moléculas orgánicas (imidazoles) e metais (cinc) que, xunto aos gases a estudar e a introdución de auga, complican bastante o sistema en composición e número de especies que interveñen, polo que se necesitan moitos recursos informáticos para realizar os cálculos”, salienta Vicente Timón Salinero, quen agora procederá a analizar os datos obtidos.

PUBLICIDADE