O CITIC aposta pola tecnoloxía LIDAR en dous dos seus proxectos recentes

martes, 28 de outubro do 2014 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), centro emprazado na Universidade da Coruña, está a desenvolver dous proxectos baseados na tecnoloxía LiDAR –Light Detection and Ranging-, unha tecnoloxía que está a revolucionar o mundo industrial e da construción. LiDAR, informa o CITIC, significa detección e medición a través da luz e permite determinar a distancia dende un emisor láser a un obxecto ou superficie mediante pulsos de láser, de tal maneira que podan reproducirse nun mapa.
O resultado dun proceso LiDAR? Denomínase “nube de puntos” do terreo escaneado, creando una representación tridimensional do mesmo mediante decenas de miles de puntos por segundo. Trátase dunha base de datos de vértices nun sistema de coordenadas tridimensional, e os devanditos vértices representan puntos das superficies dos obxectos escaneados que poden levar ademais outra información asociada, como as cores ou o índice de reflectividade. O número de puntos que unha desas bases pode acubillar rolda as decenas, centos ou incluso miles de millóns. É certo que os datos individuais teñen unha estrutura matemática sinxela -simples puntos no espacio sen topoloxía algunha- mais semellante cantidade de información constitúe todo un reto no seu tratamento.
Malia o enorme potencial desta tecnoloxía para facer fronte a proxectos de enxeñaría, a súa aplicación práctica na realidade enfróntase á carencia de ferramentas específicas que poidan manexar semellante cantidade de datos.
Como dixemos, o CITIC da Coruña desenvolve os proxectos baseados nesta tecnoloxía que está a revolucionar o mundo industrial e da construción.
O primeiro é ToVIAS, acrónimo de Topographic Visualization, Interaction and Analysis System, un sistema desenvolvido en colaboración ca empresa de consultoría técnica Enmacosa S.A. e a Universidade da Coruña. Trátase dunha iniciativa de I+D+i financiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e fondos FEDER, que se dirixe a xerar o coñecemento e as ferramentas precisas para traballar con datos topográficos 3D, extraidos con escáner láser, e aplicados ao eido da enxeñería.
O principal obxectivo de ToVIAS é crear unha ferramenta na que os datos masivos de nubes de puntos se integren no sector da enxeñaría, sendo así un piar fundamental para que os proxectos máis complexos cheguen a bo porto. Desta maneira, poderán ofrecerse servizos máis fiables completos e complexos, a un custe menor, incrementando enormemente a produtividade. Estas condicións repercutirán positivamente en proxectos de enxeñaría civil, do sector forestal, do sector da enxeñería industrial ou o de patrimonio e edificación.
Dentro dos obxectivos específicos de ToVIAS atópase, entre outros, o de desenvolver una metodoloxía estándar para a “captura da realidade” en iniciativas de enxeñería con tecnoloxía LIDAR terrestre e fomentar novas liñas de negocio que aumenten a produtividade e a competitividade no ámbito nacional e internacional.
O desenvolvemento de ToVIAS fundaméntase na Topografía, Deseño Asistido por Ordenador CAD), Sistemas de Información Xeográfica (GIS), Fotogrametría terrestre e LIDAR. Tralo proxecto atópase un grupo de investigación do CITIC, neste caso o grupo RNASA, acrónimo de Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos. Juan R. Rabuñal Dopico, un dos investigadores principais do grupo, encargado do desenvolvemento software de ToVIAS, sinala que “unha das vantaxes competitivas de ToVIAS é a súa capacidade para visualizar os datos dunha maneira case instantánea”.
O segundo dos proxectos chámase VGLIDAR, un visualizador de datos LIDAR no que se está a desenvolver una aplicación web multiplataforma –apta para tabletas, ordenadores ou móbiles– que permite a visualización e interpretación a través de datos LIDAR. “Unha das características deste proxecto é a visualización en tempo real e interactiva, permitindo navegar por unha realidade aumentada, de grandes terreos, polo que se está desenvolvendo con WebGL”, apunta Margarita Amor López, investigadora do grupo GAC, acrónimo de Grupo de Arquitectura de Computadores.
O proxecto VGLIDAR foi inicialmente concibido para ser aplicado ao ámbito da enxeñaría agrónoma. Porén, informa o CITIC, a súa aplicación podería chegar até as Smart Cities. Inclúe ademais xeolocalización, cálculo e visualización dos datos de acordo a diferentes propiedades, realidade aumentada –é dicir, integrar os datos LiDAR co que se está vendo nese intre- ou medir xeometrías marcadas polo usuario sobre esa imaxe, tales como alturas, traxectos, áreas ou volumes.

PUBLICIDADE